O BNG pregunta pola autorización da publicidade na torre da estación de ferrocarril da Coruña

De “ataque vandálico contra do patrimonio urbanístico, cultura e social da nosa cidade”. Así cualifica o Grupo Municipal do BNG da Coruña a colocación de dúas amplas lonas de publicidade na torre do edificio da estación de ferrocarril, que foi denunciada por Sermos Galiza.

Foto estación
photo_camera Foto estación

A concelleira do BNG no Concello da Coruña, Avia Veira, presentou unha batería de preguntas de cara ao próximo Pleno ordinario para pescudar “quen é responsábel” da colocación da publicidade na torre do edificio de San Cristovo, un “ben a protexer e a coidar por todas as Administracións”.

Na iniciativa presentada, pregúntalle ao Goberno municipal quen autorizou á colocación das lonas publicitarias para, de ser o caso, “adoptar as correspondentes sancións recollidas na ordenanza e obrigar á retirada daquelas á maior brevidade posíbel. De ter sido o propio Goberno municipal quen autorizou a instalación da publicidade, o BNG interésase se outros bens urbanísticos e arquitectónicos, como as galerías de Porta Real, a Casa Paredes ou mesmo a Torre de Hércules, “non van estar libres de se lles colocar nun futuro calquera outro tipo de publicidade”.

Ademais, Avia Veira pregunta se a colocación destas lonas, por medio dun soporte metálico, teñen causado algún tipo de dano ou deterioro á fachada da torre da estación e que medidas teñen pensado tomar contra os causantes.

Preguntado por Sermos Galiza, o Goberno municipal da Coruña, dirixido por Xulio Ferreiro, non deu ningunha valoración ao respecto.
 

Comentarios