Aumenta a tensión no Ofimático polo despexo de Álvaro e Isabel

O desafiuzamento está previsto para a quinta feira (27 de novembro). 

Ofimático
photo_camera [Imaxe STOP-Desafiuzamentos Coruña]

As grilleiras dos antidisturbios non cesan de percorrer o Ofimático desde a pasada semana. Perante a inminente execución do despexo da familia de Isabel e Carlos, axentes da policía española controlan o lugar de Elviña. Un feito que se sucede desde hai días con puntos de importante tensión que coicidiron coas mobilizacións convocadas pola Plataforma Stop-Desafiuzamentos Coruña. 

A execución da orde de desafiuzamento está prevista --pois así foi notificada-- para a quinta feira (27 de novembro) ás 09.00h. Polo de agora, Isabel e Álvaro agardan no seu domicilio á espera de novidades, porén desde Stop-Desafiuzamentos Coruña chaman a veciñanza a se mobilizar perante a vivenda na véspera do despexo, a cuarta feira ás 20:00 horas do serán. 

O despexo está previsto para o 28 de novembro ás 09.00h mais a veciñanza concentrarase na véspera perante o domicilio de Álvaro e Isabel

As novidades que agardan Isabel e Álvaron refírense aos movementos que se poidan producir a nivel político no interior de María Pita pois é o concello quen ten a última palabra a respeito da súa situación. Porén, as cousas non pintan moi ben para esta familia de Elviña á que a ampliación do Parque empresarial do Ofimático --deseñada hai 20 anos-- rematou por deixala sen morada. 

Até o momento o goberno local, encabezado polo alcalde, Carlos Negreira, e o concelleiro de urbanismo Martín Fernández, rexeitaron en non poucas ocasións atender as demandas desta e doutras familias do Ofimático. Neste senso, Fernández mesmo chegou a afirmar que o desafiuzamento se efectivizaría "si ou si". Tamén así, declinou facer mudanza algunha para aprazar o despexo ou mesmo mudar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para evitar que o derrubamento da casa chegue a se producir. 

Así as cousas, a pasada segunda feira o goberno da Coruña ofreceulle unha alternativa a Álvaro e Isabel, acceder a un piso de protección oficial que, no entanto, lles fora negado a semana anterior argüíndo que tiñan na súa posesión propiedades.

"É esperpéntico", afirma en conversa con Sermos Galiza o activista de Stop-Despexos, Héctor Tejón. "Aparecen agora con vivendas despois de que o propio concelleiro recoñecese que estaban ao dispor após unhas chamadas de teléfono que fixo", acrecenta ao tempo que se pregunta onde están eses pisos e casas "cando o IGVS recoñece que hai 5 mil persoas que as precisan". 

Comentarios