FALTAN AS HA. QUEIMADAS DO INCENDIO DE CACHEIRAS

Arden máis de 300 hectáreas só na fin de semana, 160 en Rede Natura

Cando menos, a pasada fin de semana arderon no país máis de 300 hectáreas (a falta de coñecer o número de hectáreas queimadas en Cacheiras) como consecuencia de diversos incendios. O máis grave tivo lugar na parroquia de Cacheiras, en Teo, onde o lume chegou a escasos metros das vivendas e obrigou a cortar a autovía. Ademais, só en Toques arderon máis de 160 hectáreas en zona da Rede Natura.

photo_camera incendio

Lamentabelmente, o lume foi o protagonista da fin de semana que vén de pasar. Máis de 300 hectáreas (a falta de contabilizar as de Cacheiras) foron calcinadas entre o sábado e o domingo segundo os datos provisionais achegados pola Consellaría do Medio Rural, que aínda non fixo balance da situación global da fin de semana.

Entre os incendios rexistrados os máis graves, pola súa proximidade ás vivendas, tiveron lugar o domingo na parroquia de Cacheiras, en Teo, e en Tomiño, lugares nos que a Consellaría de Medio Rural chegou a declarar o nivel dous de emerxencia pola proximidade das casas.

Cunha superficie afectada aínda sen cuantificar de maneira oficial, o incendio de Teo, que comezaba ás 17.44h, obrigou a desaloxar vivendas e a cortar o acceso á autovía da Estrada pola proximidade do lume. As distintas imaxes que na tarde de onte amosaban veciños e veciñas de Teo nas redes sociais reflectían o delicado da situación.

A Xunta de Galiza tamén se viu na obriga de declarar o nivel dous de emerxencia en Tomiño, debido á proximidade do lume ás casas nun incendio rexistrado ás 18.36h.

Na xornada do domingo, sempre segundo os datos achegados pola Consellaría, tiveron lugar outros dous incendios relevantes en Lousame e en Toques. O incendio de Toques tivo lugar na parroquia de Vilamor e calcinou, como mínimo, 160 hectáreas en Rede Natura. O de Lousame tivo orixe na parroquia de Tállara ás 15.15h e queimou máis de 50 hectáreas.

O sábado arderon 100 hectáreas

Ademais, na xornada do sábado arderon un total de 100 hectáreas en catro incendios rexistrados en Corrubedo (Ribeira), A Veiga, Vilar de Barrio e Oímbra.

En Corrubedo o lume provocou o desaloxo dun cámping

No caso de Corrubedo, o lume provocou unha grande alarma, pois causou o desaloxo dun cámping situado na parroquia e o desaloxo de varias casas. Tamén obrigou a cortar ao tráfico a estrada a Corrubedo pola AC-303.  Porén, Medio Rural sinalou que non foi necesario declarar o nivel de emerxencia dous que tivo que declarar ao día seguinte en Teo e en Tomiño. A superficie calcinada en Corrubedo ascendeu ás 35 hectáreas.

Ademais, no caso da Veiga  en Vilar de Barrio arderon unhas 20 hectáreas, a mesma cantidade calcinada en Oímbra. Tamén o sábado, ardían no Concello da Veiga ao redor de 30 hectáreas.

Comentarios