Asociación pola Defensa da Ría

A APDR recorre a caducidade "parcial" da concesión de Ence

A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) de Pontevedra vén de presentar un recurso de reposición perante o Ministerio de Medio Ambiente contra a resolución da Dirección Xeral de Costas que propuxo a caducidade “parcial” da concesión outorgada a Ence.

Marcha contra ENCE (Imaxe: APDR)
photo_camera Marcha contra ENCE (Imaxe: APDR)

A través dun comunicado, o presidente da APDR, Antón Masa, informa da presentación dun recurso de reposición perante o Ministerio de Medio Ambiente contra a resolución da Dirección Xeral de Costas sobre a caducidade “parcial” da concesión outorgada a Ence. E é que Costas rexeitara as alegacións da entidade ecoloxista ao escudarse en que se presentaran fóra de prazo, algo que nega de maneira rotunda a asociación.

Neste contexto, a APDR ratifica a “totalidade” das alegacións xa presentadas e sinala no comunicado que “de non aceptarse a nulidade das actuacións, se declare a caducidade da concesión polos incumprimentos denunciados”. Advirte a entidade de que Ence “segue a superar a taxa de 20 ppm de Demanda Bioquímica de Osíxeno fixada no título da concesión”.

Masa sinala que “non se pode tramitar ningunha prórroga mentres non se resolva o litixio pola caducidade da concesión” e insiste en que o Ministerio “debe deixar en suspenso calquera posíbel procedemento”. “Calquera outra decisión suporía unha evidente connivencia coa empresa e un claro incumprimento das obrigas”, engade o presidente da APDR.

Máis unha vez, a APDR solicita o “cese da actividade” de Ence e a “reposición dos terreos á situación na que se atopaban antes da concesión”.

Comentarios