O ADIF retira as lonas publicitarias que cubrían a torre da estación coruñesa de San Cristovo

O ADIF está a retirar as lonas publicitarias de grande porte dunha empresa automobilística coa que agachaba a torre da estación de San Cristovo. Faino após Sermos Galiza ter publicado unha noticia sobre o asunto o 16 de outubro e após o concello da Coruña terlle aberto un proceso sancionador o 12 de novembro.

Retirada de lonas
photo_camera Foto: Xurxo Lobato

En Outubro fontes de ADIF manifestaron a Sermos Galiza que a instalación das lonas publicitarias non estaba afectada pola ordenanza municipal reguladora da publicidade exterior porque se rexía pola lei de ordenamento de transportes terrestres, de 1987.

O Concello da Coruña non era da mesma opinión e á altura do 26 de outubro enviou un inspector municipal para constatar in situ a instalación das lonas. O día 27 o concello abría un expediente de reposición da legalidade urbanística pola "realización de obras sen licenza ilegalizábeis" por parte de Adif, ao tempo que comunicaba á Xefatura de Patrimonio e Urbanismo de Calidade da empresa estatal que xestiona as infraestruturas ferroviarias o comezo do expediente.

De acordo coa ordenanza municipal, ADIF debía ter pedido permiso para instalar as lonas -cousa que non fixo- e debía ao tempo ter satisfeito taxas fiscais á facenda local.

O asunto provocou iniciativas políticas do grupo municipal do BNG e tamén da formación nacionalista no Congreso.

Comentarios