Adían o despexo dunha veciña ourensá e as súas crianzas

A xustiza prorrogou o desafiuzamento durante dúas semanas. Porén, María e as súas crianzas terán que abandonar a vivenda.

OURENSE
photo_camera [Imaxe BNG-Ourense]

María conta con 500 euros mensais dunha Risga e o salario do seu compañeiro que percibe 225 euros ao mes dun contrato de traballo de 10 horas semanais. Só o aluguer supoñen 310€ aos que hai que engadir os gastos correntes (auga, luz) e de manutención dela e das súas dúas crianzas, unha delas menor de idade.

Esta veciña de Ourense adebeda 2.170 euros após 7 meses sen pagar o aluguer da vivenda que posúe no barrio da Ponte. A propietaria do piso encetou un proceso de desafiuzamento 'exprés' que fixaba para esta segunda feira (23 de febreiro) a execución. No entanto, esta orde foi aprazada até o vindeiro 3 de marzo. 

Ás portas da vivenda concentrábanse hoxe activistas de Stop-Desafiuzamentos Ourense á fin de visibilizar o caso de María mais non de frear o despexo após decidir a propia familia que non querían prolongar máis a batalla. 

Ao longo dos últimos meses e através do colectivo en defensa do dereito á vivenda esta veciña puxo en coñecemento dos servizos sociais municipais e do Instituto Galego de Vivenda e Solo a súa situación económica e a imposibilidade de facer fronte ao pagamento. Desde a administración tan só lle ofreceron a posibilidade de acceder a unha vivenda oficial, iso si, sita en Castro Caldelas ou en Carballeda de Valdeorras, lonxe da súa contorna social e familiar. 

María agarda após o aprazamento poder acceder a unha nova vivenda máis asequíbel en termos de aluguer. Na cidade das Burgas hai máis de 14 mil vivendas baleiras. 

Comentarios