Activista de Stop-Despexos denuncia a policía por "detención ilegal" e "falsidade documental"

O xuízo contra 3 activistas de Stop-Despexos Compostela ficou suspendido por erros de forma nas citacións xudiciais.

15105449037_1fe99d5264_z
photo_camera González de costas [Imaxe GzContrainfo]

O proceso xudicial iniciado contra 4 activistas de Stop-Despexos Compostela que se solidarizaron coa familia de Aríns desafiuzada o 19 setembro de 2014 ficou onte (29 de xaneiro) temporalmente suspendido. A razón, os erros de forma nas notificacións encamiñadas a dúas das persoas citadas. "Mandáronlles o atestado mais sen saber de que os acusaban", apunta en conversa con Sermos Galiza Brais González, un dos detidos naquela xornada. 

O caso de González vai para alén do das outras persoas denunciadas. Naquel día, o activista foi nomeado mediador pola familia de Aríns, a comisión xudicial e o propio mando da policía española que dirixía o operativo policial. Porén, malia a súa condición, rematou placado por axentes antidisturbios e detido. 

Segundo o atestado policial redactado con motivo da súa detención, González foi "sacado" da finca na que se localiza a morada de Carlos e María após terse negado a abandonala cando lle foi requirido polos axentes. O informe policial asegura que Brais González opuxo unha "activa" e "forte" resistencia chegando mesmo a "golpear cos cóbados" aos axentes razón pola que tería sido detido. 

Un relato policial "falso"

Porén, na denuncia presentada por Brais González asegúrase que "nada do relatado se axusta á realidade" e para o demostrar achega como probas dous vídeos gravados naquela xornada polos programas Correo TV e España Directo [minuto 53:10]. 

O activista sinala que non tería "rebasado o cordón policial" en ningún momento permanecendo entre este e a finca familiar. Un emprazamento acordado --en calidade de mediador-- co mando policial ao cargo do operativo. "Son os axentes os que se abalanzan sobre o denunciante sin motivo algún, primeiro un axente e despois catro máis, sin facer máis indicacións que a de: "estáte quieto" cando xa o estaba e sin que sirva de nada dicirllo", apunta a denuncia. 

"Nada do relatado no atestado policial se axusta á realidade como reflicten os vídeos gravados aquel día"

Aliás, continúa a denuncia, "nada evita que o, deteñan nin nada o motiva tampouco, sendo froito da máis absoluta invención a resistencia que relatan, os presuntos berros de "resistencia" que se atribúen nin, por suposto, os presuntos codazos". 

Perante esta realidade González denunciou os axentes que practicaron a súa detención xunto con aqueles que asinan o atestado policial por un presunto delito de "detención ilegal" e "falsidade documental". 

González asegura que "é moi común" feitos como os denunciados por el propio onde os atestados se desenvolven amparados en "feitos que non son". Neste senso, subliña, "hai que animar a xente a que presenten denuncias para tentar polo menos darlle un xiro" á situación. "Non pode ser que lles saia gratis", explica. 

Solidariedade 

Con motivo do xuízo ás 3 activistas de Stop-Desafiuzamentos Compostela arredor dunhas 300 persoas presentaron senllas auto-inculpacións nas que se presentan como participantes na concentración contra o despexo da familia de Aríns "inducidas" pola súa "profunda adhesión á Declaración Universal dos Dereitos Humanos", ao "Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos" e ao "Pacto Internacional de Dereitos Económicos e Sociais" onde se recolle a obriga das "administracións públicas e as entidades privadas non poden privar da vivenda a ningunha persoa sen unha alternativa poboacional" ao supor esta acción unha "violación flagrante dos dereitos humanos". 

Aliás, máis dun cento de persoas acompañaron perante os xulgados da rúa Fontiñas na capital galega ás 3 persoas axuizadas como mostra de solidariedade no que coidan é un proceso xudicial encamiñado a "meter medo". 

Comentarios