6 PERSOAS FALECIDAS E 16 FERIDAS

O accidente de Carral reabre o debate sobre as condicións de seguridade nos rallies

O sinistro do Rallie da Coruña que tivo lugar na tarde de onte en Carral e na que faleceron seis persoas volve pór sobre a mesa as condicións de seguridade das carreiras de coches.

[Imaxe: @jromerocastro] Momentos despois do accidente
photo_camera [Imaxe: @jromerocastro] Momentos despois do accidente

As condicións de seguridade que deben imperar nos rallies volve estar, lamentabelmente, de actualidade, despois do tráxico accidente que tivo lugar no día de onte en Carral, nun tramo do Rallie da Coruña. O sinistro, no que faleceron seis persoas e resultaron feridas 16, unha delas de extrema gravidade, tivo lugar cando un dos vehículos participantes se saíu da calzada e atropelou espectadores, entre eles menores de idade.

Hai voces que aseguran que o accidente tivo lugar nun lugar aparentemente seguro. José Luis Fernández Mouriño, alcalde de Carral, sinalou en declaracións á Cadena Ser que “era unha recta na que había árbores e onde, aparentemente, podías sentirte máis seguro. Ás veces somos atrevidos e poñémonos nas curvas onde hai menos seguridade, mais este non foi o caso”. Ademais, en declaracións recollidas por Europa Press, o rexedor apunta que a comisión organizadora e a Garda Civil situaron as persoas no lugar do accidente ao consideralo, "en teoría", "seguro".

Segundo recollen diversos medios, como La Voz de Galicia, no lugar do accidente, que non estaba valado, só había un efectivo de protección civil.  O mesmo diario, que cita fontes cercanas á organización do rallie, recolle que as vítimas estaban nunha zona restrinxida e que os comisarios da proba avisaran, en varias ocasións, de que debían abandonar o lugar que estaban ocupando.

Comentarios