Por fin unha clase que se porta ben

A priori unha película documental feita polo alumnado dun instituto de bacharelato francés, dentro dun programa pedagóxico, pode soar pouco apetecíbel, mais as reticencias e o escepticismo máis belixerante probabelmente diminuirán ao saber que foi gañadora do premio da Confederación Internacional do Cinema de Arte e Ensaio (CICAE) na Berlinale.

Aínda que está dirixida por un cineasta de traxectoria bastante consolidada, como é Jean-Gabriel Périot, todo o apartado técnico, artístico e interpretativo recae entre as estudantes dun instituto de Ivry-sur-Seine, distrito de París.

As nosas derrotas / 2019 / Francia / Jean-Gabriel Périot / 

De feito comeza cun plano onde se ve toda a cacharrada de cables, claqueta e pértega de son antes, un plano correspondente a un extracto do filme A salamandra (1971, Alain Tanner). A continuación a actriz que interpreta o texto analízao en base a unhas preguntas que lle fai o entrevistador.

Esa é a dinámica. Tan sinxela como hipnótica. As estudantes interpretan textos de diferentes pezas audiovisuais que dan pé para que vaian comentando diferentes aspectos relacionados (ou non) con estas. Ao principio dunha maneira lineal que irá solapándose e alternándose a medida que avanza a fita.

Fragmentos de Tanner, Godard, Muel, Karmitz e outras pezas relacionadas co maio do 68, serven de catalizadores para lanzar unha reflexión sobre a esquerda, o comunismo, o capitalismo, os medios de comunicación, a folga e a política en xeral. O curioso do asunto é que os rapaces e rapazas semellan non ter moita idea de nada do que se lles pregunta.

Entre o inicio (que se desenvolve entre maio e xuño de 2018) e o final (en decembro dese mesmo ano) percíbese algo de evolución dun alumnado que comezou o proxecto bastante alienado, pouco comprometido, inmaturo e con moi poucos ideais na cabeza para acabar pillando conciencia do entorno nun epílogo enmarcado na acaída frase: “A nosa sustancia nunca será a vitoria, senón a loita”.

Un documental pedagóxico tanto para quen participa nel coma para quen o mira. Ademais de constatar como andan os ideais da xuventude francesa, extrapolábel á mocidade occidental, está cheo de achados impagábeis, e recorrentes, da actitude adolescente: risas frouxas, sopridos nerviosos, medo escénico a dicir algunha parvada, ousadía inherente e contradición constante. Natural, sen filtros, sen imposicións.

De lonxe albíscase que nin preguntas nin respostas foron preparadas de antemán. Isto achega ao conxunto un engadido de veracidade e honestidade difícil de igualar. Chapóipeau!

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Máis en Cinema
comentarios