MEDICINA

Unha empresa galega deseña o 'Doccomunicator', un aplicativo para discutir diagnósticos entre médic@s

A ferramenta permitirá que o persoal sanitario dado de alta na plataforma poida consultar dúbidas con especialistas e incluso intercambiar probas médicas en tempo real

Unha empresa galega vén de desenvolver un aplicativo informático, o Doccomunicator, que permite o intercambio de diagnósticos entre o persoal sanitario de todo o Estado español, así coma unha comunicación fluída entre as e os profesionais da Medicina.

Segundo explicou Alberto Pena, director da plataforma Medicalesp, a ferramenta consiste nunha sorte de chat na que unha doutora ou un doutor de calquera especialidade poderá entrar en contacto cun equipo de asesoramento multidisciplinar para consultar dúbidas.

Pola súa banda, o doutor Marcelo Sanmartín, asesor da plataforma e que pasa consulta no hospital vigués Povisa, asegura que o obxectivo que se persegue é mellorar a comunicación, especialmente en Atención Primaria, co persoal especializado, dotando de maior precisión os diagnósticos e acurtando os tempos, xa que será posible o envío en tempo real de probas médicas coma electrocardiogramas ou radiografías de tórax.

A día de hoxe, ao redor de 20 profesionais están dados de alta neste servizo, independente da industria farmacéutica, que custará 80 euros ao ano e onde as dúbidas se resolven nun prazo máximo de 24 horas.

Máis en Ciencia
Comentarios