Comeza o Xuventude Galiza Net

A maior ‘Lan-party’ da Galiza celébrase no Pazo de Congresos e Exposicións en Compostela até o domingo. Nesta edición farase énfase na formación, a creación de empresas, as oportunidades de traballo baseadas nas novas tecnoloxías e a procura activa de emprego.
Xuventude Galiza Net
photo_camera Xuventude Galiza Net

Un dos referentes na Galiza para a cultura dixital e mocidade, o Xuventude Galiza Net, comeza coa vista posta nas oportunidades de traballo baseadas nas novas tecnoloxías e formación. O Pazo de Congresos e Exposicións de Galiza, en Compostela, acolle esta edición de 2012, a décimo terceira, un encontro que pretende informar das posibilidades laborais neste sector. A organización deseñou unha grella de relatorios onde se contará con expertos reputados nas súas áreas como o profesor da IE Business School, Enrique Dans; o profesor Leopoldo Abadía; ou o social media Rubén Bastón. Na edición deste ano a Axencia para a Modernización Tecnolóxica contará cun stand e celebrará unha conferencia na que varios relatores relacionados co software libre exporán as oportunidades laborais que hai detrás do mesmo, así como proxectos das súas empresas relacionados co software libre.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica contará cun stand

As actividades da extranet estarán abertas a todos os públicos nos exteriores e no hall de entrada do Pazo de Congresos e Exposicións. No exterior do recinto haberá instalacións de paintball, rocódromo, diversos xogos e o obradoiro de graffiti. No interior do Pazo, ademais, haberá stands de consolas e videoxogos, ciclos temáticos de cine, maquilladores e mesmo un stand sobre ciencia para crianzas.

Máis en Ciencia
Comentarios