CARTAS DO LECTORADO

Vox clamantis in deserto

As pasadas eleccións xerais deixan tras de si moitas lecturas. Boa parte delas, en torno á idea da “polarización social de bloques esquerda-dereita” perante a “ameaza da irrupción da extrema dereita” nas Cortes. Escusamos repetir nestas liñas as obviedades que enchen estes días as columnas de opinión e minutos de tertulia política televisiva, sobre a división do voto da dereita, o afundimento do PP, o “pactómetro” do PSOE, e demais.

Entendemos dende a repugnancia, claro, que sexa a delicia da leria politiqueira barata das semanas que seguen. Que hai escasos meses, os mesmos falabaratos escribírannos sesudos artigos sobre a “excepcionalidade da democracia española” e a súa “ausencia de extrema dereita a nivel institucional” respecto da contorna europea, déixaos xa en sobrada evidencia.

Quen asina este artigo, por certo, non comparte a opinión de quen conxura (ou teme) un pacto de goberno PSOE-C's en liña coa “recomendación” do grupo Santander publicitada tralos resultados das eleccións. Non. E non porque Rivera prometera non pactar con Sánchez durante a campaña, ou polos berros da militancia en Ferraz: avecíñase unha crise económica das gordas, e Rivera preferirá deixar que leve por diante a Sánchez para en tres ou catro anos lograr a presidencia do Goberno.

É ben curioso aquí que quen destaca dito informe do Santander, non fale tamén do que opinan os grandes bancos internacionais de inversión (UBS, ING, Societé Générale, Mizuho, Barclays, Goldman Sachs...), que din preocuparlles entre pouco e nada un goberno PSOE-UP. Teremos que agardar a xuño, tralas eleccións do 26M, para que a realidade nos quite ou dea a razón nisto. Namentres, bo é darmos contexto a tales fogos de artificio.

Na nosa Galiza, alén da derrota electoral de Feijóo, o tema de preferencia columnista semella ser as horas baixas do reformismo nacionalista galego. Non faltaron tampouco aquí os esforzos ridículos en redactar desgloses pedantes dunha táboa de resultados por todos de sobra sabidos. Exemplo disto, é o galimatías pouco lúcido que escribía nesta sección hai un par de días un militante de Anova, que nun rodeo inútil só interesado en lerse a si mesmo, non chega sequera a encarar o trauma do fracaso da estratexia política do seu partido.

Pouco menos soporíferas son as xustificacións dos simpatizantes do Bloque, que van da autocomplacencia por duplicaren votos aínda sen lograr representación (nun contexto, esquecen, ben favorable cos seus rivais na esquerda galega en desbandada, e de nulo respecto por Galiza na pasada lexislatura), ao receitario monótono de reformular alianzas e discursos.

Do que ninguén fala (e cúmprese aquilo de que hai silencios que o din todo) é da “Outra” política, esa á marxe do institucional. Vimos dun 1º de maio morno, con pouca afluencia e ruído. Non por falta de motivos, abofé, mais porque os esforzos militantes tiñan e teñen os ollos postos no momento da papeleta. Organizar nos barrios obreiros empobrecidos, entre desafiuzadas, borrachos en paro e persoas migrantes sen dereito ao voto, leva demasiado tempo e traballo para quen aspira a vivir dunha pensión de deputado.

Non se enganaba Santiago Abascal, cando na pasada campaña electoral deixaba unicamente fóra a Galiza da súa xira de mitins por todo o estado (que finalmente acudira ao da Coruña, foi froito só da exclusión a última hora do debate con Sánchez, Casado, Rivera e Iglesias a decisión da Xunta Electoral Central). Don Pelayo, El Cid, os Terzos de Flandres ou Hernán Cortés, forman parte dunha mitoloxía que non resoa igual en territorio galego ca castelán.

A febleza do nacionalismo galego tampouco lles serve, coma si no caso vasco e catalán, de ameaza crible contra a “integridade territorial de España” a ollos dos votantes de fóra destas nacións. Vox rascou o 28A apenas 8000 votos misóxinos en Vigo: o pasado 8M, as feministas mobilizaban na mesma cidade a máis de 100.000 persoas, 1 de cada 3 habitantes. Para tomar nota.

Máis en Cartas
Comentarios