Pór os pés no chan

A tradición e os soñadores lévanse tan mal que son antitéticos. Non se poden ver nin en película. Soñar marcha atrás é un pouco máis difícil ca soñar ollando cara ao horizonte.

Soñar, por definición, non é lembrar, aínda que se lembre cos ollos fechados. Imaxinar un futuro prodixioso con árbores cargadas de froitos tan saborosos coma liberdade, igualdade, fraternidade, e novas adquisicións coma ecoloxía, igualdade de xénero e outras necesidades que urxe cumprir é o verdadeiro ámbito do soño.

As dereitas, polo xeral, teñen a mirada como a rapaza do exorcista, virada do revés. Queren un presente impregnado dun pasado que, na súa historia, adornaron con profusión de ouropeis e douradas maquillaxes.

As esquerdas -obviando os distintos xeitos de chamarse esquerda- teñen a ollada pendurada do horizonte. Isto é un problema, porque o horizonte móvese e cando pensan telo acadado están tan cansos que precisan volver inventarse. A esquerda lévase moi mal coa paciencia.

Algunha esquerda: os cansos de correr sen poder chegar á meta, e algunha dereita: os que teñen o corpo retorto de tanto mirar cara a atrás, queren mediatizar as súas posicións por unha palabra que ten a súa maxia: o centro. Outra invención tan válida coma calquera outra. Non está mal, centrarse e sinónimo de equilibrio, equidistancia, de estar no punto exacto, sen ter dor na gorxa de ollar cara atrás ou estricar o colo para alargar a vista.

Non ha problema coas dúas posicións. Con todo, no século pasado, nalgúns países, as dúas colleron polo camiño máis rápido e pasou o que pasou.

Seguramente, un dos máis grandes logros da sociedade occidental, despois desa carnicería, é ter coñecido a ciencia do funambulismo: Ficar en equilibrio mentres o arame ou a corda, abalease para as dúas bandas en oscilacións, ás veces, perigosas.

Nestes momentos, estamos nunha desas oscilacións, pois cando o péndulo tira cara a dereita é porque os que non saben soñar queren que o reloxo da historia volva marcar unha hora que xa pasou. Entón a nostalxia pode derivar na súa amiga, a melancolía. Esta é una derivación benévola, porque os nostálxicos cando frústranse, ás veces, tenden a manifestacións de ira case infantil, pero que poden causar moita dor.

Os soñadores tamén teñen o seu risco: a euforia. Case nunca ven que o péndulo tire cara a esquerda e iso tamén é frustrante. Por outra banda, non se pode estar soñando todo o tempo. O espertador cumpre a súa función cando se pon o pé na alfombra, bótase unha ollada pola fiestra a ver que tal día fai e sáese a rúa a dar a cara. Porque a euforia ten o seu espello: a realidade.

Supoño que é difícil. Ambas as dúas posicións. As dúas queren xa, agora mesmo, o que ansían; por iso o da paciencia.

O máis curioso é como queren retorcer a historia. Uns viven con un pé nun pasado idealizado e os outros idealizan un futuro que ninguén pisou. Este é o risco: que o mundo está a xirar a unha velocidade a que non se dan axeitado.

Máis en Cartas
Comentarios