A esquerda galega contra a independencia de Cataluña (IV). Meta-política morada e nova Transición

Dos bandazos bruscos á dereita da esquerda parlamentaria aos que referíamos na parte anterior, bo é deternos no caso de Podemos. Co partido de Pablo Iglesias aconteceu en só un par de anos co seu discurso e liña o que ao PSOE levoulle décadas no seu día, e de falar de “enterrar o réxime político do 78” e “abrir o candado da Constitución” pasouse a reivindicar xa abertamente “os acordos do 78 e o proceso político da Transición” para espasmo dos seus sectores máis “rupturistas”.

A escea final de Vistalegre II, con Iglesias e Echenique coreando sós “¡Sí se puede!” fronte unha grada en retirada e co mesmo desgano protocolario co que no PSOE entónase ao remate dos seus Congresos A Internacional, adiantaba xa unha baixada de tono máis acorde ao dun “partido con sentido de Estado” na procura de sumar maiorías sociais pola súa dereita (e confirmando así outra falsa disputa interna, a dos pablistas-errejonistas, fóra de masturbacións retóricas e ambicións persoais como exemplifica o desencontro Más Madrid-Ahora Madrid).

Nun momento histórico no que ao centrismo sen contido estanlle a dar a paliza electoral do século en todo o mundo, a xente de Podemos segue emperrada en reducilo todo a meta-política: quen é “mellor” ou “menos malo” para gobernar pola súa maneira de pensar/falar, e ofrecer máis do mesmo. De novo, topamos aquí cun “sector crítico” que tenta, como pode, salvar os pratos rotos dun partido que ven demostrando a diario que se hai un réxime do 78 é parte del e non ningunha vía para enterralo.

A falta dun novo protagonista que puidera servir de branco das súas penas internas (como foron no seu día Errejón ou Bescansa), non faltou quen apelara nas filas moradas ao retorno a un pasado fundacional mitolóxico situado hai apenas cinco anos atrás. Tentando quizáis convencerse máis a si mesma que ás descridas, a masa militante de Podemos tapa os ollos e os oídos ante os despropósitos dos seus líderes e agarda paciente a volta ao rego dos malos resultados electorais actuais. Xa non lle encomoda que se acuda ao desfile militar do 12 de Outubro ou ao acto oficial do Día da Constitución en pleno estado de excepción en Cataluña: a celebración patriótica española seméllalle a mellor das plataformas para acadar unha “axenda social” da man do PSOE de Sánchez.

O “monotema catalán” (Echenique), xera tal pavor entre Podemos precisamente porque forza a abordar a “democratización” dalgúns piares básicos da orde monárquico-territorial establecida na Constitución do 78. Os de Podemos (pablistas e non pablistas) nunca quixeron cuestionar as institucións do réxime, senón máis ben ocupalas fronte a “ineptitude” da dereita. Cando precisamente se ven agudizando a represión por parte do Estado en defensa destas institucións, non lles quedou aos de Iglesias senón recoñecer que a súa conclusión non pasa dun municipalismo “conservador” ao estilo Colau ou Carmena, que fachenda de boa xestión e redución de déficit público.

Do drama grego de Syriza nada queren lembrar neste partido, e moito menos recuperar nos seus medios afíns a sección fixa do país heleno na que Tsipras arroupaba a Iglesias en plena campaña de lanzamento de Podemos. A promesa do “cambio” que traía Syriza rematou, como sabemos, nunha política de privatizacións e recortes ao dictado da Troika, que acabou adiantando pola dereita aos gobernos liberais de media Europa ao tempo que o propio Pablo Iglesias xustificaba estas ante “la falta de alternativas” do “amigo Alexis” ao que seguiu apoiando para o seu segundo mandato cando xa se consumara a “traizón”.

Non faltou tampouco á cita deste lamentable espectáculo a socialdemocracia galega: a un BNG que en 2015 celebraba as vitorias electorais dos de Tsipras como súas, uníaselle a estreada alianza política de Anova e Esquerda Unida, que daquelas chegaba mesmo autodenominarse oficiosamente “a Syriza galega”. Non houbo, dende logo, autocrítica posterior ningunha por parte de ningún destes actores por ter “errado” por enésima vez con quen casaran a nivel internacional. Son ben conscientes de que vendían fume cando falaban de saídas reformistas do euro e da OTAN, e de que ante un improbable reproche dos seus votantes, sempre lles quedaría a excusa da “mazá podre”.

O último que se lle pode pedir a quen nada quere saber de responsabilidades, é honestidade co seu interlocutor. Podemos non só non quere impugnar a orde monáquica e territorial do 78, senón que se nega a falar diso con voz propia. Nunca tomaron en serio cuestionarse o modelo de Estado, o centralismo territorial, o réxime; e se nalgún momento semellou remotamente o contrario, formaba parte dun estudado coqueteo táctico con quen puidera achegarlles escanos á súa esquerda.

De quen, dende a comodidade dun réxime herdado, limitábase a falar de “diálogo” e “parlem” mentras a maquinaria estatal encargábase de desfacerse dos seus inimigos, non cabe dende logo agardar honestidade ningunha. E honestidade toma aquí o significado de, canto menos, expór de maneira clara que a súa proposta non pasa dun pacto de goberno co mesmo partido que apoia decidido a aplicación do 155 contra o pobo catalán.

Isto acompáñase dun eclecticismo que nós definíamos como de hipócrita fronte ao cinismo da dereita. O que Podemos non logra capitalizar ou controlar en exclusiva, como acontece noutros moitos partidos, ou se nega ou directamente descalifícase. Estas dúas actitudes coa cuestión catalá, encárnanse exemplarmente nos seus intelectuais partidarios Monereo e Alba Rico respectivamente. Todo vale con tal de descalificar o movemento nacional catalán: o mesmo ten apelar ao leninismo, ao libertarismo ou á inxenuidade.

A total falta de perspectiva que negaba convencida, coa dereita cavernaria, mesmo que fora haber referendo ningún aquel 1-O de 2017. Tal foi sempre o despiste de Podemos co tema dende o seu telescopio na Complutense de Madrid. Xa na campaña das eleccións de Cataluña do 2015, o “déficit democrático” semellaba non ser unha realidade para este partido. Moito menos falábase sequera dun fabuloso “referendo pactado co Estado”, non. Polo entón, Iglesias adicábase unicamente a indignarse dos Mas e Pujol nos seus mítins. Todo era unha cuestión de corruptos, nada máis. O “núcleo irradiador do pobo” ría entón convencido de toda esa “xente ignorante” que pedía máis democracia enchendo as rúas baixo a Estelada.

Naquel discurso de campaña ante os seus incondicionais en Cataluña, nada dicía entón Iglesias dun “diálogo con garantías” con España. Nunha mala copia da cultura da Transición, Podemos limitouse a falar de corrupción ante un problema democrático que acabou concentrando o debate político de todo o Estado. Tralo 1-O, só restou culpar a Rajoy e Sáenz de Santamaría de todo, retomar de cando en cando o mantra do “réxime do 78 alleo”, e disputarlle á vez a idea de “patria española” á dereita, na procura de gañar tempo ata o seguinte ciclo electoral.

Que Pablo Iglesias botara balóns fóra neste tema coa excusa da corrupción do PP e CiU, dicía ao final sen pretendelo algo fundamental: que o problema non é no fondo os M. Rajoy ou os Pujol-Ferrusola, senón todo un Estado fallido que non se pode permitir un mínimo democrático como é o de recoñecer o dereito de autodeterminación das nacións que o integran; e que sendo ben conscientes disto, Podemos e mailos seus socios políticos non están por quebra/desborde ningún deste, senón por rascar os votos que lles permitan manter outros 40 anos o fósil.

Máis en Cartas
Comentarios