A esquerda galega contra a independencia de Cataluña (I)

Non é novidade ningunha, mais hoxe pódese comprobar nuns cantos autos xudiciais máis unha realidade incómoda para quen non queira pechar os ollos ante ela: no Estado español pode unha rematar en prisión de maneira arbitraria se convén politicamente. Oriol Junqueras, vicepresidente da Generalitat, e outros 7 consellers do goberno catalán foron sometidos a prisión incondicional e sen fianza acusados de delitos de “sedición, rebelión e malversación de caudais públicos” trala celebración do referendo de independencia catalá do 1-O do 2017. O presidente Carles Puigdemont e outros 5 consellers víronse obrigados ao exilio para evitar correr a mesma sorte.

Un par de semanas antes, no cárcere madrileño de Soto del Real, Jordi Cuixart e Jordi Sànchez entraban, tamén sen xuízo previo e fianza, en cadansúa cela de dez metros cadrados acusados dun delito de sedición ao presidiren organizacións (Òmnium Cultural e ANC respectivamente) convocantes de concentracións pacíficas en defensa da independencia de Cataluña os días 20 e 21 de setembro do 2017.

A xuíza da Audiencia Nacional que ordena todos estes encarceramentos, Carmen Lamela, era condecorada só uns días antes polo entón ministro de Interior, Juan Ignacio Zoido, coa medalla ao mérito policial. Un ano antes, condecorada de novo pola Guardia Civil tras encausar a uns rapaces de Altsasu cun delito de “terrorismo” por unha rifa nun bar que provocou fóra de servizo un axente borracho. Pablo Llarena, o xuíz do Tribunal Supremo encargado da instrución da causa do procés, é afiliado da conservadora Asociación Profesional de la Magistratura, próxima ao Opus Dei, da que foi voceiro e presidente entre 2013 e 2015. O tabú da “xustiza politizada” non foi tampouco impedimento para que participara activamente en cursos e seminarios organizados por FAES, o think tank do Partido Popular. Dúas xoias da Democracia española.

Disto algo sabemos en Galiza, onde durante anos lévase reprimindo nunha escalada cada vez maior ao movemento independentista por todos os medios posibles. Mozas e mozos galegos sofren hoxe penas de prisión polas ideas que defenden, ás que cómpre lembrarmos a política de dispersión ao longo do entramado penitenciario do Estado dirixida cara as súas familiares e achegadas. Exemplo mediático disto foi a infame Operación Jaro da Guardia Civil, na que se condenaría nun xuízo farsa a varios supostos membros de Resistencia Galega e ilegalizar de paso a organización Causa Galiza, baixo o paraugas dun suposto “terrorismo” do que non se puido aportar proba algunha perante o xuíz.

É a mesma fórmula do “todo é ETA” que ben coñecen por Euskadi, onde décadas de democracia deixan tras de si centos de represaliadas políticas, decenas de ilegalizacións de organizacións de todo tipo (non só políticas, senón tamén xuvenís, veciñais, culturais...) e unha guerra sucia de torturas policiais e asasinatos á poboación civil á marxe de calquer proceso xudicial. Debemos engadirlle a todo isto a represión no resto do territorio do Estado español ao movemento sindical combativo, ao movemento comunista ou ao anarquismo, que engrosan as cifras de presas políticas dunha poboación reclusa que non deixa de medrar. Non son estes datos que se publiciten a diario na televisión ou nos xornais porque non convén, non “cohesiona”; mais están de novo á dispoñibilidade de quen quixer comprobalo a só un par de clics no seu buscador de preferencia.

Mención obrigada aquí, é a da especial invisibilidade do maior colectivo de presas políticas do Estado español: a poboación inmigrante cuxo único “delito” é o de non dispor de documentación legal para residir nun país do chamado “primeiro mundo”. O cinismo aquí chega a tal punto que non se fala xa de “cárcere” pola carga simbólica que ten, senón de CIEs, nos que os abusos de carcereiros e policías teñen aínda máis impunidade. Malleiras, violacións e vexacións varias, son norma documentada e non excepcións, mais de novo ningún destes sucesos anónimos vai ser noticia mañá.

Temos naturalizada a tal punto a represión do Estado que non é motivo de escándalo público ningún o claro sesgo ideolóxico desta: a Lei de Partidos ten no seu rexistro de logros a ilegalización de múltiples partidos abertzales vascos ou comunistas, mais curiosamente, ningunha de organizacións de extrema dereita que falan abertamente de xenocidio. A caza de bruxas en Twitter contra quen celebraba o axustizamento do presidente do goberno franquista, Carrero Blanco, contrasta dende logo coa total impunidade de perfís que chaman a diario a asasinar independentistas cataláns. A Lei Antiterrorista impide hoxe a homenaxe nas rúas de Donostia de militantes históricos da extinta ETA, mais Hogar Social Madrid pode dar tranquilo mítins racistas e xenófobos nun barrio de poboación inmigrante coa protección da Policía Nacional.

Por suposto, a esquerda política condena de entrada calquera destes casos. Dende a súa á máis “radical” á máis “moderada” (en certas ocasións, mesmo o PSOE), sacarase un comunicado expresando a solidariedade co sindicalista ao que o fiscal lle pide 15 anos de prisión tras unha folga xeral, falando de “represión escandalosa” e descargando a culpa no adversario político (léase o PP) para pedir a dimisión do cargo público de turno.

A condición, claro, é que saltara antes á palestra mediática o proceso xudicial e, para boa parte desta esquerda domesticada, que o acusado non sexa independentista ou un radical situado “demasiado” á esquerda. Solidariedade, abofé, selectiva e á zaga do sensacionalismo xornalístico coa data de caducidade que marque este. O mellor contrapeso ao discurso da dereita chamando decidida a “manter a Orde e a Lei por todos os medios”, coa única dúbida de escoller entre a abundante “oferta” de procesadas.

Baixo toda esta arbitrariedade de tacticismos políticos varios no tocante á “solidariedade” da esquerda (máis ou menos explícitos segundo a proximidade ás institucións gobernamentais da organización “solidaria”), atopamos un substracto común que, dificilmente admitirá, comparte de cheo coa dereita: o marco da Democracia con todo o seu campo semántico (Estado de Dereito, respecto á Lei e aos Dereitos Humanos, etc.). Non se trata, como puidérase pensar de primeiras, dunha falta de altura xeralizada da esquerda reformista ante a represión violenta máis evidente das masas. É máis ben complementariedade discursiva, complicidade ideolóxica máis ou menos consciente.

Non hai aquí logo, traizón ningunha á clase obreira. Son as clases dominantes totalizando o espazo político que crea á súa medida. As regras do xogo e as cores de ficha permitidas, por inaceptables que poidan parecer, son as que son porque, ao final, son as dos que “gañaron a partida” no 39.

Un taboleiro chamado Democracia

Sànchez e Cuixart uníanse, como diciamos, a longa lista de presas políticas no democrático Estado español. Dúas entradas máis tras Xirinacs, Casellas, Bódalo ou Iparraguirre, que ben podían recompilarse como anexo da Constitución do 78. Na mesma lista interminable, figuran nas primeiras liñas da páxina seguinte: “Junqueras, Forcadell, Turull, Rull, Romeva, Bassa e Forn”. Erraba logo quen falaba aqueles días dos primeiros presos políticas trala Transición, abofé, mais erra moito máis aquí unha maioría aplastante da chamada esquerda, que ve nestes encarceramentos algo impropio dunha democracia, dun país “civilizado”.

O debate social sucedeuse nas redes sociais e bares sobre se “Os Jordis” e medio goberno catalán eran ou non presos políticos pola incómoda connotación da categoría, que asociamos de entrada a lonxanos réximes no tempo ou na distancia respecto da nosa moderna sociedade capitalista parlamentaria. Dábanos igual o fondo da cuestión.

Por pouco razoable que semelle negro sobre branco, curiosamente non se produciu tanto unha reflexión social sobre como se impoñen unhas ideas a outras (unionismo contra independentismo) e os distintos métodos empregados para este fin, e si en troques disertacións abstractas sobre Democracia e se se axustaba mellor ou peor a este ideal os encarceramentos, a intervención da Generalitat, ou o resto de medidas postas en marcha polo daquelas goberno de Mariano Rajoy so pretexto do Artigo 155.

Este debate deuse por suposto tamén na realidade galega, mais pouco menos que para repetir os argumentos e conclusións que unha puidera escoitar en Madrid: “A represión xudicial pode resultar sensata (para a dereita) ou excesiva (para a esquerda), pero o importante é que se mantén na legalidade”. Consciente, iso si, da relativa lonxanía coa que a sociedade civil galega ven observando o que acontece en Cataluña, dende o goberno galego non houbo practicamente pronunciamento específico ningún ante a “normalidade democrática” dunha actuación xudicial equiparable (debéranos parecer) á que a cotío prodúcese ante unha infracción de tráfico.

Por suposto, sucedéronse oportunamente declaracións do propio Feijóo falando da “grave situación que se vive en Cataluña por culpa dos independentistas” cando se requiría dende Génova a provincias, ou para evitar centrar a opinión pública galega noutros temas (como acontecera coa vaga de incendios que asolaran os nosos montes nese ano). Mais a peculiaridade da sucursal galega dos populares, o seu feito diferencial, estriba na pouca énfase na “necesidade de medidas máis contundentes” ante o “desafío soberanista catalán” que si vimos no discurso deste partido noutros territorios do Estado, cuxos líderes botaron meses apremiando a unha aplicación “sen medias tintas” do Artigo 155 ao Goberno central. Algo que dende logo non é casual.

O polo entón peche de filas da familia galega do PP en torno a Mariano Rajoy explícase, por suposto, tamén por cuestións internas do propio partido sobre fidelidades e rivalidades políticas, mais sobretodo polo feito de ter este que operar nunha realidade sociolóxica diferente á doutras partes do Estado: non houbo nas rúas galegas un movemento social de “exaltación patriótica españolista” que puidera convocar masivas manifestacións ou encher (polo xeral) grandes avenidas coa rojigualda pendurada nos balcóns. Non existe hoxe un movemento fascista que poida pasearse tranquilo polo casco vello de Compostela “cazando” independentistas, nin houbo nas nosas vilas “emotivas despedidas populares” á Guardia Civil e Policía Nacional que se trasladaran a Cataluña ante o referendo do 1-O. Partidos políticos coma Ciudadanos, cun discurso máis “efusivo” na necesidade de manter a integridade territorial do Estado, están situados aquí na marxinalidade sociolóxica (que dicir de Vox?); e sobretodo, non existe un movemento independentista galego con forza que requira dun discurso diferente ao do “centrista” Partido Popular de Galicia.

Non quita nada disto que haxa, abofé, un nacionalismo españolista no pobo galego bastante maior que o propio. Abonde observar as acometidas contra a nosa lingua que durante décadas se levan aplicando dende a Xunta por gobernos de ampla maioría parlamentaria, ou o precario estado actual da nosa cultura para dar boa conta de tal afirmación. Do que se trata, é de sinalarmos que hai efectivamente unha constelación ideolóxica diferenciada respecto da de boa parte do Estado mesmo se se comparte un mesmo propósito (o unionismo, no que nos ocupa), e que tal especificidade relativa responde a un suxeito diferenciado marcadamente nacional por inaceptable que isto sexa de admitir para o españolismo máis curto de miras.

É así que teñen cabida na Galiza fenómenos de difícil comprensión foránea como o “galeguismo fraguista” ou a rede caciquil da dereita galega. Do mesmo xeito, a importancia desta consideración vólvese capital á hora de atravesarmos a aparencia dos retorcidos relatos da esquerda galega, pragados de termos como “autodeterminación” ou “soberanía nacional” ao tempo que apuntala cando ten oportunidade cos seus votos o Réxime do 78 (e a súa indivisibilidade territorial) ao que afirma quererlle pór fin.

Nin se lle pasou pola cabeza aos nosos Villares ou Pontón replantexar pactos de goberno a nivel municipal e provincial co PSdeG-PSOE tras o apoio deste partido a aplicar o Art. 155 e calquer medida represiva ao pobo catalán ante a declaración de independencia do 27 de Outubro do 2017. Despois de todo, sempre poden xustificarse no “mal menor” ou na “responsabilidade municipalista” (cando non nun miserable e insolidario: “non é asunto das galegas”).

O proceder de En Marea (incluímos Podemos, EU e Anova) e o BNG, non se afasta apenas en realidade aquí do proceder do PSOE en Cataluña: o encarceramento de Cuixart e Sànchez, de Junqueras e resto do Goberno catalán que se atopaba en territorio estatal, as ameazas dende a Fiscalía Xeral de ilegalizar partidos independentistas ou as cargas policiais do 1-O do 2017, etc. poden resultar “excesivas”, “desproporcionadas” ou “unha inxustiza” nunha breve declaración á prensa se pregunta polo tema, ou nun chío puntual en Twitter mentras se manteña como tendencia do día. Mais soamente iso.

O propio Iceta (PSC) e outros sectores da esquerda do PSOE, empregaran estes mesmos ou semellantes cualificativos en campaña. O uso electoralista desta indignación da esquerda institucional, chegou mesmo a apuntar á incongruencia xudicial comparando o caso coas medidas tomadas coa trama Gürtel, a corruptela da Familia Real ou os políticos incausados polas tarxetas black de Bankia. Todo valía dentro da moderación que non rebasa nunca os límites do legalmente tolerable (“Que sentido ten rematarmos cunha deputada enxuizada por uns míseros 'retuits' da ultraesquerda dixital?”).

Cando o teu “núcleo irradiador” de referencia son os medios de comunicación das grandes fortunas, é normal que non lle deas maior relevancia a unha noticia que, podes estar seguro, ía durar apenas un par de semanas no foco mediático. E, ao fin e ao cabo, non falamos de decisións “xudiciais” fóra do ámbito “político”?

A diferenza entre estes partidos é, pois, retórica. Discursiva, non de fondo. No taboleiro Democracia, dereita e esquerda legais disciplinan a masa nun incuestionable respecto á Lei/Dereito/Orde que sitúan “por riba” de discusións parlamentarias e da sociedade mesma. Mesmo se o peso da realidade evidencia a diario que hai unha xustiza diferente para ideoloxías, estatus sociais e clases diferentes, os apóstolos da idea de que “É igual para todas” seguirán facendo por manter esta mitoloxía ben pola vía da coerción (represión policial, Art. 155), ben pola vía da convención (“creba democrática”, “proceso constituínte”).

O papel da esquerda reformista ante os “excesos” da dereita é de feito fundamental para entender estes: cando a xustiza ou calquera outra institución amósase no seu esqueleto violento nada imparcial, cómpre evitar unha resposta igual de violenta chamando a manter ou recobrar a fe nestas mesmas institucións sen desbordalas. O verdadeiro terror aquí non é tanto á progresiva evolución ao estado corporativista fascista, ou reparar de golpe na continuidade do franquismo trala farsa do 78. É, no fondo, o medo ao abismo alén da política do pacto e a paz social.

Máis en Cartas
Comentarios