Carta aberta á cidadanía pontevedresa (e galega)

Máis alá do que cada persoa opine sobre a presenza de Ence na ría, todas estaredes de acordo en que estamos a asistir a unha ofensiva mediática da empresa sen precedentes.

Máis alá do que cada persoa opine sobre a presenza de Ence na ría, todas estaredes de acordo en que estamos a asistir a unha ofensiva mediática da empresa sen precedentes.

Isto fálanos do poder das empresas do IBEX 35. Estes días saiu publicado o libro do ex director do diario El Mundo no que denuncia as inxerencias dos políticos e das empresas do IBEX 35 na información que nos ofrecen os medios. Especialmente grave é o papel das empresas do IBEX 35, que tiñan un clube montado a través do cal tocaban todos os resortes do poder. Pois ben, asistimos a unha loita desigual, unha loita entre un David, que é a sociedade pontevedresa, maioritariamente contraria á continuidade da pasteira, como demostra a composición do pleno municipal, e un Goliat, que é Ence, unha empresa do IBEX 35. E prodúcese este bombardeo de representantes da Xunta, presidente, vicepresidente e conselleiros, doutros membros do PP a nivel local e estatal, da patronal, dos empresarios forestais, dos empresarios auxiliares, dos empresarios xóvenes, dos transportistas, dos traballadores, do Porto de Marín, dos empresarios da conserva... das confrarías de pescadores!. Isto non é casual. Son chamados ao toque de corneta pola empresa do IBEX 35 e van desfilando un a un.

Este último caso, o das confrarías, é máis que sorprendente. É inaudito. Dá moita vergonza allea.

Semella que se lle foi a man a Ence. Quixeron apretar tanto que se pasaron de rosca, de tal maneira que conseguiron o efecto contrario do que perseguían: poñer de manifesto ata que grao de corrupción e falta de ética levaron a algúns sectores e persoas da sociedade pontevedresa, coa compra de vontades, cando ata os representantes das confrarías de pescadores saen pedindo que non se vaian da ría, que sería unha gran perda para o sector marisqueiro. "Poderoso caballero es don dinero". O mundo ao revés!.

Calquera persoa con dous dedos de frente sabe que, obxectivamente, a marcha de Ence sería boa para a Ría de Pontevedra e para o sector marisqueiro. Pódense ter en conta outros argumentos para defender a súa permanencia, pero en ningún caso que non contamine a ría ou que non afecte negativamente á actividade marisqueira. Que isto saia de boca dos representantes da Xunta non sorprendería, pero que saia da dos patróns das confrarías é verdadeiramente sangrante.

Deixando de lado que Ence foi condeada por delito ecolóxico continuado en 2002 e que os datos de emisións á ría sexan cuestionados por diferentes organismos, e aceptando que os datos que ofrece a empresa e que a Xunta dá por bos, se axusten á realidade, o certo é que oficialmente as industrias pasteiras emiten 25 contaminantes á atmósfera e 21 contaminantes á auga e que se collemos un dos 21 que se emiten á ría, o mercurio, por exemplo, que é un dos máis perigosos, no período entre 2006 e 2015, a empresa declarou o verquido de 27,49 kg. En conclusión: o verquido á ría de Ence pode estar dentro dos parámetros máximos permitidos, pero isto non quere dicir que sexa inocuo. Ou dito doutra maneira, Ence contamina, aínda que sexa dentro do que lle permite a Xunta.

Por outro lado, o marisco extraído de Lourizán e do fondo da ría perde valor. O molusco extraído vai a unha depuradora e despois véndese ocultando na medida do posible a zona de extracción. E mentras Ence permaneza en Lourizán será así. Ou dito doutra maneira: Se che ofrecen ameixa de Carril e ameixa de Lourizán, cal collerías? Non hai máis preguntas, señoría!.

Por estes dous motivos non son aceptables as declaracións dos patróns da confrarías e pasarán á historia como un dos exemplos máis lamentables de traizón ao sector que representan.

Unha cousa é que Ence compre o seu silenzo ou que os use para facer propaganda do seu "plan social" e outra cousa é que os faga saír a reivindicar a súa oposición a que a fábrica se poida ir do Dominio Público Marítimo Terrestre e a defender a continuidade da empresa na ría como a panacea para o sector marisqueiro.

En calquera caso, o problema non está en que Ence compre vontades. O problema está nas persoas que representan a un colectivo e que se venden de maneira indecente ao poder empresarial en contra dos intereses do colectivo que representan.

Estes días, a xente, polo menos a de Lourizán, está escandalizada e perplexa e non se fala doutra cousa. Sentou moi mal comprobar que a Confraría de Lourizán está entre os firmantes do comunicado. Unha cousa é que o cartel de Ence estea na porta de entrada da confraría e que acepten os cartos da empresa e outra cousa é "vender" a túa parroquia. 

No caso da patroa de Lourizán, non é só que estea traizoando a memoria dos patróns que houbo antes ca ela e que se partiron a cara por defender os intereses da confraría que representaban e a de todas as mariscadoras das xeracións anteriores que loitaron por defender a ribeira. É que na memoria colectiva recordarase durante xeracións como unha das maiores traizóns da historia da nosa parroquia. Esta si que é unha felonía.

Precisamente nestes tempos nos que a Confraría de Lourizán está a ser investigada xudicialmente por un presunto fraude millonario e por unha presunta trama de compra de votos, o máis recomendable sería manterse nunha posición discreta e non poñerse baixo o foco. Pero Ence non dá os cartos a cambio de nada.

Apelamos á honradez e dignidade das mariscadoras de Lourizán. Comprobaremos nas próximas semanas se se impoñen o groso de mariscadoras honradas, esixíndolle á patroa a dimisión inmediata ou se, pola contra, esa presunta trama de compra de votos existe e segue a controlar a confraría.

De confirmarse que a presunta trama segue activa, estariamos ante unha pirámide corrupta de compra de vontades que desde o IBEX 35 vai baixando ata chegar ao último escalón: as mariscadoras de a pé.

Por último, non deixa de chamar a atención que o PP, que leva anos dicindo que as leis e as sentenzas xudiciais están para cumprirse e que hai que respectar a acción da xustiza, neste caso, cun procedemento xudicial aberto no que se ten que decidir se a prórroga de Ence foi axustada a dereito, se dedique a patalear e a mobilizar ás forzas vivas para que se posicionen á beira da Xunta e de Ence e para que presionen a través dos medios de comunicación. Parece que desta vez se olvidaron do tan recurrido: "Hai que esperar a lo que decida la justicia". A pregunta é: non confían en que a prórroga que deu o goberno en funcións de Rajoy foi axustada a dereito ou non confían en que a xustiza vaia a actuar con imparcialidade e bo criterio?.

Diferentes actores anuncian que presentarán ducias de recursos ata as máis altas instancias europeas. Que o fagan. Están no seu dereito. E que deixen actuar á xustiza. Pero mentres non haxa unha sentenza definitiva, que deixen de bombardear con propaganda e de chantaxear á sociedade galega. Está a ser un espectáculo moi triste.

A xente é máis intelixente do que cren e todos temos a nosa opinión sobre este tema, formada a través dos anos, ben sexa a favor ou ben sexa en contra. O único que conseguen é poñerse en evidencia. E poñer en evidencia ao sistema. Ensinar as súas costuras, por non dicir "as cloacas" que están tan de moda ultimamente. Poñer de manifesto o "vendidos" que están algúns políticos aos intereses das grandes empresas. E poñer de manifesto o "compradas" que están algunhas entidades que reciben os cartos de Ence.

Máis en Cartas
Comentarios