A vida secreta de Walter Mitty

Na primeira versión que se fixo da historia de James Thurber, o protagonista evadíase da abafante atmosfera en que decorría o seu día a día imaxinando que era un superheroe. Nesta segunda versión a imaxinación volve ser o medio de transporte escollido para visitar paraxes xamais imaxinadas. 





Título orixinal: The Secret Life of Walter Mitty
Ano: 2013
Duración: 114 min.
País: Estados Unidos
Director: Ben Stiller
Guión: Steve Conrad
Fotografía: Stuart Dryburgh
Música: Theodore Shapiro
Reparto: Ben Stiller, Kristen Wiig, Adam Scott, Shirley MacLaine, Sean Penn, Patton Oswalt
 

SINOPSE

Walter Mitty e un tímido empregado da revista Life que escapa da súa anónima vida soñando esperto con fantasías heroicas e románticas que teñen como protagonista unha compañeira de traballo coa que non se atreve a falar. Cando o seu posto de traballo se ve ameazado por non atopar unha foto que será a derradeira portada da revista, decide embarcarse nunha aventura que o leva a países e lugares antes nunca imaxinados. 
 

CRÍTICA

Segunda versión cinematográfica da historia corta de James Thurber e quinta película de Ben Stiller coma director. Se a súa traxectoria na dirección comezou bastante ben con “Reality Bites” nos 90, pouco a pouco as súas películas foron derivando nun enfoque cada vez máis encerrado en si mesmo ata chegar a esta historia de fantasía na que chega a cumios de egocentrismo nunca antes acadados. Se con “Zoolander” e “Tropic Thunder” ese protagonismo rozaba o absurdo e estaba ao servizo da comedia máis hilarante, en Walter Mitty, salvo un par de momentos de escachar coa risa, ponse algo máis serio para narrar unha bonita e romántica historia de superación, de vencer os medos e de acadar os soños. 

Na versión de 1947 de Norman Z. Leonard, o soñador era un Danny Kaye que vivía dominado pola súa nai e perdía os papeis polos ósos de Virginia Mayo nunha sorte de evasión de posguerra. Nesta en cambio trata sobre un home gris e tímido que busca noiva en internet, traballa para a revista LIFE (fácil xogo de palabras co título do filme) e se evade da súa vida cuns extraordinarios efectos especiais. Acaba superando os seus medos de enfrontarse ao descoñecido impulsado por unha atracción por unha compañeira do choio que lle da ás para ir na procura dunha foto extraviada que será a derradeira portada da revista (na ficción). 

A película é toda unha homenaxe sincera á revista LIFE que na realidade desapareceu dos quiosques o 20 de abril de 2007, coa portada dunha fotografía dunha nena que observa un busto xigante de John F. Kennedy nun parque de Dakota do Sur, para pasar a ser só unha publicación web. Pero é unha homenaxe que máis ben parece unha campaña publicitaria carísima amenizada con vídeos musicais con música de Arcade Fire, Of Monsters and Men ou David Bowie.

A verdade é que a selección musical xunto coa excelente fotografía do neocelandés Stuart Dryburgh é do máis destacado do filme. O guión queda coxo e dos actores só destacaría a Sean Penn, que da o pego coma fotógrafo freelance aventureiro. Moi crible. Nin unha recuperada Shirley MacLaine, nin unha esforzada Kristen Wiig, nin un ridículo (a posta) Adam Scott dan a talla. Stiller dáse demasiado de protagonista pero non atopa o punto de equilibrio da personaxe. Nin de lonxe é o novo Forrest Gump coma se intenta vender no trailer. 

Por certo, un trailer que da demasiadas expectativas porque está moi ben feito e quizais por mor diso a película defrauda un pouco. De feito, e para que ninguén se leve desagradables sorpresas, se alguén viu que nos anuncios soa a Bohemian Rhapsody de Queen, no filme non se escoita en ningún momento. Falta de dereitos quizais? …Porén con todo o dito a película non é mala para nada, simplemente que é un pouco pagada de si mesma e algo excesiva. Podería dar moito máis de si con outro director e xogando máis co que é real e co que non o é. Historia que gustará sobre todo aos amantes da fotografía, se deixa ver con facilidade e proporciona un bo momento de evasión.

Máis en Artes Escénicas
Comentarios