A viaxe de Sarabela en Ourense

Sarabela teatro estreou 'Viaxe a ningunha parte', unha adaptación da novela e película de Fernándo Fernán Gómez, como a aposta máis forte da compañía esta temporada. As representacións continuarán até o 29 de setembro.
Viaxe a ningunha parte de Sarabela Teatro

“Para nós facer teatro é unha necesidade vital” afirma Ánxeles Cuña Bóveda, directora de Sarabela, na páxina web da compañía. E paixón e alimento para o espírito é o que atoparon con “Viaxe a ningunha parte”, a nova produción que representarán en Ourense até o día 29 deste mes. A obra, baseada na novela que publicou Fernando Fernán Gómez en 1985, recolleu varios premios no seu paso polo cine e agora, na adaptación galega, tivo xa unha boa acollida por parte do público que pasou polo auditorio.

“Quixemos rescatar este texto nos tempos que corren”, asegura Fina Calleja de Sarabela Teatro. E a actualidade no mundo da cultura galega ten algo próximo ao relato d@s protagonistas que viven por e para o teatro. “Fala da miseria e ao mesmo tempo da dignidade dos cómicos, do espírito de ir cara a adiante por enriba de todas as dificultades, con humor e certa melancolía”. Que a acción transcorra nunha ditadura, a española, non deixa de ser unha triste anécdota cando comprobamos como o teatro agora pasa tamén unha situación de pura supervivencia. Actrices e actores interpretan actrices e actores que buscan traballar, rir e chorar xunto ao seu público. “Este periplo que ten a novela e o espectáculo teatral que son como ciclos, esperanza e fracaso, de nos alimentar das historias que contamos, dos risos e da calor do público é algo que compartimos con estes personaxes”, asegura Fina Calleja, “non fai falta que nos coloquemos nunha posición moi alonxada no sentir ao teatro como auténtica paixón”.

A obra, baseada na novela que publicou Fernando Fernán Gómez en 1985, recolleu varios premios no seu paso polo cine e agora, na adaptación galega, tivo xa unha boa acollida por parte do público

Adaptación
Levar ao teatro unha novela coral que ademais pasou polo cine non é doado. “Implicaba moitas dificultades que tiñan a ver coa cantidade de espazos, o propio título fala dunha viaxe, que os personaxes percorren por varias vilas de Castela”. E Sarabela acertou posto que o público asistente non fai paralelismos coa película. “Fomos moi respectuosos coa novela e o espectador non se vai cara á comparación”. O esforzo de Ánxeles Cuña conseguiu destacar todo aquilo de teatral que ten, describir toda esta galería de personaxes que son os protagonistas ou se moven ao redor da compañía de Iniesta-Galván.

“Viaxe a ningunha parte” representarase en Ourense grazas ao apoio da concellaría de Cultura e ten prevista algunhas actuacións cun horario especial para o público escolar.

Máis en Artes Escénicas
Comentarios