Shakespeare, o mellor guionista da historia do cine

O director arxentino Matías Piñeiro presentou, a pasada semana no CGAI, Viola, inspirada en Noite de Reis. Con este filme como punto de partida, Sermos Galiza fai un breve percorrido das mellores adaptacións ao celuloide dos textos do dramaturgo de Stratford. Imaxe capa: Hamlet de Lawrence Oliver

Henry V de Kenneth Brannagh
photo_camera Henry V de Kenneth Brannagh

No prólogo de Enrique V, Shakespeare, a través do CORO ou narrador, pedía desculpas ao público polas limitacións do teatro da época. O escenario non permitía amosar os bastos campos de Francia, onde os ingleses fixeran historia na batalla de Agincourt. Por iso, o dramaturgo de Stratford animaba ao auditorio a usar a imaxinación, cun xesto no que moitos críticos viron a profecía do cine, un medio que tardaría case tres séculos en ser descuberto.
Posteriormente, Laurence Olivier na súa adaptación de 1944 e un novísimo Kenneth Branagh en 1989, por medio da rodaxe en exteriores, cumpriron o desexo de Shakespeare de amosar con realismo unha contenda que inda hoxe é símbolo do patriotismo británico.

E é que o dramaturgo renacentista conta cun grande número de seareiros nas filas da sétima arte. Alén de Olivier e Brannagh, outros coma Orson Wells, Franco Zeffirelli, Grigori Kozinstev ou Akira Kurosawa, adicaron boa parte da súa filmografía a espremer un material moi cobizado, malia o paso do tempo.

“No século XVI, Shakespeare xa escribía cunha proposta de visualidade moi potente. Malia traballar fundamentalmente con palabras, consideraba o ollo o sentido máximo, anhelando algo que só o cine lle podería dar. Por iso, coa chegada do novo medio, moitos directores viron nel unha canteira inesgotábel”, explica Darío Villanueva, catedrático da USC.

Paixóns inseparábeis á condición humana
Aliás, uns personaxes profundos, moi ben perfilados, e uns temas universais, inseparables á condición humana, fixeron do autor de Hamlet o máis grande guionista da historia, con perto de 500 adaptacións cinematográficas ás súas costas.

“Shakespeare é poder, amor, paixón, traizón… e, polo tanto, as súas historias non entenden de culturas nin de épocas”, reflexiona o director arxentino Matías Piñeiro, en conversa con Sermos Galiza. De feito, a súa derradeira película, Viola, que a pasada semana se estreou no CGAI da Coruña, está inspirada en Noite de Reis, embora a trama se traslada á Arxentina do século XXI. 

“A época e o lugar non son importantes. Para adaptar a Shakespeare, o primordial é a fidelidade ao texto porque algúns significados inda hoxe permanecen ocultos e, por iso, cada revisión aporta algo novo”, defende o realizador latinoamericano.

Viaxes no espazo e no tempo

Con todo, cambiar a época ou o espazo das historias de Shakespeare non é nada novo para os directores de cine. Kurosawa, en 1957, trasladou o seu Macbeth ao Xapón feudal baixo o título de Trono de Sangue e en Ran (1985) reescribía O Rei Lear mesturándoa con lendas medievais xaponesas.

A historia do atormentado príncipe de Dinamarca, tamén derivou nas variacións máis sorprendentes. En 1964, Grigori Kozintsev facía ao seu Hamlet dicir aquilo de “To be or not to be” en ruso, mentres Michael Almereyda apostaba por un protagonista postmoderno no Nova York do segundo milenio. Pola súa banda, Kenneth Brannah adiantou a obra tres séculos, trasladándoa ao XIX, nunha adaptación sumamente fiel, co texto orixinal íntegro, e unha metraxe de máis de 4 horas. E Franco Zeffirelli apostaba por manter a época orixinal mais cun Hamlet moderno, con acenos ao cine de acción, de man de Mel Gibson. 

Igualmente, con Romeo e Xulieta, varios directores asumiron o desafío de facer da peza teatral unha versión actualizada a cada época. Así, en 1961 nacía o musical  West Side Story, trasladando a desafortunada historia dos amantes de Verona ao Bronx dos anos 50. De igual modo, Baz Luhrman quixo proxectar a obra para o público adolescente, nun filme ambientado a finais do século XX, e cunha parella 'de moda' como Leonardo Di Caprio e Claire Dannes.

Curioso resulta tamén o caso do Ricardo III de Richard Loncraine (1995), no que o protagonista se viste con uniforme nazi, nunha transposición á Inglaterra dos anos 30, mesturando trazos do cine negro clásico. Pola súa banda, Al Pacino dirixe en 1996 Looking for Richard, unha especie de documental que inclúe os ensaios e a representación da obra en Central Park, na que el mesmo se caracteriza coma o tollido monarca disposto a cambiar o seu reino por un cabalo.

Personaxes eternos, actores inesquecíbeis
Outras adaptacións, pola contra, ficaron máis próximas á obra orixinal. “O meu segredo para adaptar a Shakespeare é o apego ao texto e aos personaxes porque neles se agochan os temas que moven o mundo”, reflexiona o realizador arxentino Matías Piñeiro.

Con este espírito, Franco Zeffirelli dirixía en 1968 Romeo and Juliet, a primeira versión cinematográfica que foi rodada nos lugares orixinais da obra teatral. Tamén era a primeira vez que os amantes tiñan a idade adecuada e saían espidos no leito conxugal. 

A Italia tamén foi o director Michael Radford para rodar O Mercader de Venecia, cunha coidada selección dos diálogos orixinais e unha ambientación igualmente mimada. No entanto, o elemento que definitivamente seduciu á crítica internacional foi un sobresaínte Al Pacino no papel protagonista. 
Outro apaixonado do teatro como Joseph L. Mankiewicz deixou para historia do cine unha das mellores caracterizacións dun personaxe de Shakespeare, con Marlon Brando coma Marco Antonio en Julius Caesar (1953). 

Tamén Orson Wells dirixiu e protagonizou xoias para a posteridade que gañaron o beneplácito da crítica mais supuxeron un estrepitoso fracaso nas billeteiras. O seu Macbeth (1948) e Otelho (1942) están consideradas unhas das mellores adaptacións destas traxedias de Shakespeare. No entanto, a primeira vez que o celuloide apostou por un Otelo negro, afroamericano, foi na versión de 1995 de Oliver Parker. 

Homes de teatro, os mellores seguidores
Entre todos os directores que renderon culto á obra do dramaturgo, o catedrático Darío Villanueva salienta o traballo de Laurence Olivier e Kenneth Brannagh, “dous actores curtidos na tradición do teatro shakesperiano, que dirixiron na escena mais tamén na pantalla”. De feito, a traxectoria filmográfica de ambos os dous se pode traducir na procura incansábel do filme que faría o propio Shakespeare de ter nacido uns séculos máis tarde. 

Os seus Enrique V, malia que de xeito distinto, quixeron render homenaxe á súa orixe teatral. Por iso ambas películas comezan con recursos propios da escena onde, moi conscientemente, non omiten a intervención do coro ou narrador. Olivier recrea, como prólogo, unha representación no teatro do Globo en Londres, namentres o narrador, nun estudio de cine, presenta o filme de Brannagh. Trala introdución teatral, se cede o paso ao ‘auténtico’ e ‘puro’ cine en dúas versións das que, sen dúbida, Shakespeare se sentiría orgulloso.

Imaxes por orde de aparición: (1) Henry V de Kenneth Brannagh, (2) Macbeth de Orson Wells, (3) Ran de Akira Kurosawa, (4) Richar III de Richard Loncraine, (5) Romeo and Juliet de Franco Zeffirelli

Máis en Artes Escénicas
Comentarios