CRíTICA DE CINEMA

Sabotage: acción e corrupción

Máis unha sexta feira, o noso crítico, Andrés Castro, achéganos unha nova proposta para esta fin de semana: Sabotage, de David Ayer. 

Sin nombre

Ano: 2014
Duración: 109 min.
Nacionalidade: Estados Unidos
Director: David Ayer
Guión: Skip Woods e David Ayer
Fotografía: Bruce McCleery
Música: David Sardy
Reparto: Arnold Schwarzenegger, Sam Worthington, Joe Manganiello, Olivia Williams, Terrence Howard, Josh Holloway, Mireille Enos, Max Martini, Harold Perrineau, Martin Donovan

SINOPSE
Os membros dun grupo de elite da DEA aproveitan unha operación para roubar dez millóns de dólares dun traficante, pero algo sae mal e o diñeiro desaparece. Pouco despois un a un van sendo brutalmente asasinados, previsiblemente polo propio cártel da droga a quen lle roubaron o botín.

CRÍTICA
Cuarta película como director de David Ayer, guionista de Día de adestramento (2001, Antoine Fuqua), como reza a publicidade do filme. Tamén produce e comparte guión en con Skip Woods, especializado en crear textos cheos de adrenalina: Operación Swordfish (2001, Dominic Sena), Lobeto (2009, Gavin Wood) ou A xungla de cristal 5 (2013, John Moore). Se a estas cartas engadímoslle a Arnold Schwarzenegger e outros musculiños coma Sam Worthington (Avatar, Furia de Titáns) ou Joe Manganiello (o home lobo da serie True Blood), non podemos presupor que vai ser unha comedia romántica. A cousa vai de acción e hostias.

O bo de Arnold métese na pel de Breacher, un veterano axente da DEA que lidera a un grupo de elite encargado das operacións militares máis perigosas contra os cárteles da droga. Un día deciden cobrarse “o que lles debe o país” polos servicios prestados e planean roubar parte da fortuna dun poderoso narco. 

Mais o diñeiro desaparece sen saber como e todos quedan baixo sospeita suspendidos de emprego e soldo. Tras unha tempada baixo a máis estrita observación volven ao traballo. Todo parece marchar ben ata que comezan a morrer asasinados un tras outro. Caroline (Olivia Williams), unha axente de homicidios, encárgase de investigar o caso, pero pode que lle veña grande tanta testosterona e brutalidade. Sabotage é unha película de acción pero tamén de investigacións. De feito a trama ten un ar á novela de Ágatha Christie Dez negriños, onde Olivia Williams (O 6º sentido) é unha sorte de Miss Marple con reminiscencias de Lacey (da serie Cagney e Lacey). Schwarzenegger peitea canas nun rol crepuscular con certa carga dramática. 

Sabotage é un filme de acción mais tamén de investigacións que lembran ás novelas de Ágatha Christie

Porén que non se preocupen os amantes do cine de acción, porque usa todo tipo de armas coma nos mellores tempos. Algún deixe na historia a Quero a cabeza de Alfredo García (1974, Sam Peckimpah) e a Sen Perdón (1992, Clint Eastwood) e un puñado de escenas moi ben rodadas, pero a historia divaga por momentos e está a piques de perder o rumbo probablemente polas tesoiras na sala de montaxe que deixou unha película de case 3 horas en pouco máis de hora e media. A cousa obviamente resentiuse e deixa unha sensación de que a cousa podería ser moito mellor. Tampouco puido contar cos parabén dos Beastie Boys para que fora usado a canción do mesmo título. Sería un puntazo, pero non puido ser. Unha película de acción con cheiro aos anos 80 que se deixa ver e entretén se non se teñen moitas pretensións. Un bo aperitivo para os que estean desexando ver Os mercenarios 3.

Máis en Artes Escénicas
Comentarios