Rut Balbis, bailarina: 'Traballamos sobre o contacto físico entre as persoas'

A bailarina da Compañía Pisando ovos presentará, xunto a Cristina Montero, un novo espectáculo no Festival 'Corpo(a)terra' de Ourense

Que veremos no Festival 'Corpo(a)terra' de Ourense?
Presentaremos un dueto entre a coreógrafa Cristina Montero e mais eu. Levamos pouco tempo ensaiando e gustaríanos que fora o inicio dunha peza máis longa. Chámase “Só unha escusa” porque era o que precisabamos, que alguén nos convidara a poder presentar algo para meternos nun proceso creativo e crear unha peza conxunta. Levamos moito tempo coñecéndonos e temos as mesmas intencións neste mundo. O que se presentará en Ourense é a primeira parte de algo moito máis longo.
É un dueto moi físico. Estamos traballando sobre o contacto físico entre as persoas. Como podemos movernos as dúas mesmo cando non estamos xuntas.

En Ourense semella que tod@s, espectador@s e bailarinas, pertencemos a ese espazo escénico e crease outro moito máis normal

O público en Ourense comparte espazo coa artista. Como vive a bailarina esta situación?
É unha experiencia moi enriquecedora, moi positiva. Nos teatros está moito máis lonxe, todo é moito máis formal. En Ourense semella que tod@s, espectador@s e bailarinas, pertencemos a ese espazo escénico e crease outro moito máis normal, onde paseamos tod@s, formando parte do que sucede. É moi interesante toda esa enerxía que hai ao redor, como miran, como comentan, axudan a ir nunha dirección ou noutra. Hai un intercambio moito máis directo. Forman tod@s parte do mesmo espazo.

Que importancia ten a música neste espectáculo?
A estrutura que bailaremos é semimprovisada, con material investigado mais non sabemos en que orde vai ir. Segundo a xente que nos mire a coreografía será unha ou outra e coa música vai suceder o mesmo. Sabemos que calquera das dúas pode empregar a música en calquera momento mais con total liberdade. É unha coreografía aberta.

Máis en Artes Escénicas
Comentarios