O 'pitching' chega tamén ás artes escénicas

Galicia Escena Pro, o mercado galego de artes escénicas, pecha mañá cun 'pitching' aberto a novos proxectos, un formato nado no mundo do emprendedorismo.

voadora-a4aparede
photo_camera Estrea de 'Voadora'

Galicia Escena PRO, o mercado das artes escénicas organizado por AGADIC, pecha mañá as súas portas logo de catro xornadas durante as que se combinou a exhibición dos últimos espectáculos de 24 compañías galegas co intercambio profesional entre os máis de 120 axentes culturais acreditados no evento.

Na última xornada celebrarase a asemblea xeral da Rede Galega de Teatros e Auditorios e logo  pecharase cunha presentación en formato 'pitching' dos novos proxectos de 15 formacións galegas. Trátase dun modelo de presentación breve, con orixe no mundo do emprendedorismo, no que nun máximo de 6 minutos, has de convencer á audiencia do interese da túa proposta. Esta é unha das novidades deste ano que AGADIC incorporou coa idea de achegar a posibilidade de difusión dos traballos a un maior número de compañías.

Nesta sesión intervirán Antagonista Teatro, ButacaZero, Carlos Neira e Paula Ballesteros, Galeatro, Culturactiva, EducaTeatro, Fantoches Baj, Lucecús Teatro, Producións Teatráis Excéntricas, Talía Teatro, Teatro da Semente, Teatro do Noroeste, SMART, Triatreros Grupo de Teatro, e Uxía e Magín Blanco. Cada unha destas compañías terá un máximo de seis minutos para adiantarlles aos asistentes -moitos deles programadores- os proxectos que están a preparar nestes momentos. 

Máis en Artes Escénicas
Comentarios