Os monicreques toman as rúas de Lalín

Unha nova edición de Titirideza chega a Lalín desde esta quinta, 30 de agosto, até o domingo 2 de setembro. Cinco compañías pasarán polo festival, onde tamén se proxectará un documental sobre as orixes de Barriga Verde, haberá unha exposición e animación de rúa.

O XI Titirideza arrinca esta quinta, ás 20.30, no Salón Teatro, cun espectáculo de Fantoches Baj. A compañía fundada polo titiriteiro lalinense Inacio Vilariño leva o espectáculo o Fábula galénica, que mereceu o premio Barriga Verde 2011, ao mellor texto teatral para monicreques. Trátase dunha peza que recolle material de orixe popular. Xa a sexta, ademais da animación de rúa de Luchi Iglesias e Fran Lareo, Polichinela o empresario, a compañía vasca Antzezkizuna, estará no Salón Teatro ás 20.30 con El ladrón de cuentos, unha peza en que se mesturan o traballo actoral de Toni La Sal e os muppets.

Na fin de semana, o sábado ás 19.00, a compañía madrileña Okarino Trapisonda leva á praza da Igrexa Pinocho, corazón de madera, un espectáculo de marionetas de fío con este personaxe-títere como protagonista. Luchi e Lareo volverán animar as rúas con Polichinela e o empresario, e ás 21.00, o Museo Ramón Aller acolle a proxección da longametraxe documental Morreu o demo, acabouse a peseta, de Tintimán Audiovisual. Neste filme, a compañía Viravolta, organizadora do festival, reconstruíu a barraca do títere Barriga Verde, e representou nela espectáculos na liña deste fantoche "gamberro". O filme recolle a tradición europea emparentada con este personaxe: do Pulcinella italiano ao Punch británico, o Kasper checo ou o Gignol francés.

Xa o domingo, entre as seis e as nove na Rúa Colón, a camioneta da compañía andaluza Ymedio Teatro fará sucesivas funcións de Siete, un espectáculo de aforo moi reducido: os sete metros cadrados do camión dan para 15 espectador@s en cada función, de 10 minutos de duración. Por último, a compañía portuguesa Movimento incriativo leva A visita do rinocerante ás dez á Praza da Igrexa. Ademais dos espectáculos, Viravolta organiza tamén unha mostra, nun céntrico baixo comercial de Lalín, xa pechado, que cedeu o seu espazo: exporanse marionetas, carteis, libros ou fotografías para o público que queira achegarse ao mundo do títere.

Máis en Artes Escénicas
Comentarios