O CDG producirá dúas obras de Vidal Bodaño

As montaxes de Días sen Gloria e Touporroutou da lúa e do sol fan parte dos actos de homenaxe ao dramaturgo ao que se dedica o Día das Letras Galegas de 2013

Co gallo do Día das Letras Galegas dedicado a Roberto Vidal Bolaño en 2013, o Centro Dramático Galego (CDG) elabora unha programación especial con que lembrar o dramaturgo compostelán, segundo informa Cultura Galega. Así, está prevista a estrea dunha montaxe para público adulto a partir do texto Días sen gloria, que iniciará despois unha xira por todo o país até xuño. Alén diso, tamén se estreará a obra infantil Touporroutou da lúa e do sol, que pretende percorrer centros de ensino.

Cultura Galega tamén sinala que, para alén destas producións propias do CDG, o programa desta entidade en homenaxe a Vidal Bolaño inclúe tamén un ciclo audiovisual en que se proxectarán as gravacións das diferentes obras do autor, incluíndo un coloquio nun formato que pretende recuperar o espírito dos cineclubes. O programa desenvolverase no propio Salón Teatro e máis na Escola de arte dramática de Vigo.
 
Outra das propostas do programa consiste en lecturas dramatizadas a cargo de alumn@s das aulas de teatro universitario de Santiago, Vigo e Ourense. Para rematar, o CDG porá en marcha o Premio Roberto Vidal Bolaño ao espectador, polo que un xurado composto por traballadores do centro premiarán as mellores propostas e suxestións que faga o público do Salón Teatro. 

Máis en Artes Escénicas
Comentarios