Mulleres de cine: mozas, realizadoras e independentes

O CGAI proxectou esta semana o ciclo Girls on Fire en colaboración co Festival Internacional de Cine de Tarragona. Tres filmes realizados e protagonizados por mulleres, inéditos nas salas do Estado mais que ao seu paso polos festivais se converteron en obras de culto, conformaron o cartaz


Tres mulleres cineastas para tres filmes feitos desde as marxes. Provocadoras, radicais e desprexuizadas. Moi, moi punk. Proxectos que, de seguro, incomodarían nas filas do feminismo tradicional. Dirixidas por mulleres novas que usan a súa propia experiencia para se narraren a si propias e a unha xeración que aínda carece de nome, onde a revolución tecnolóxica e a sexualidade se tornan eixos centrais para mover e entender o mundo.

Tiny Furniture de Lena Dunham, a ópera prima da serbia Maja Milos, Klip, e Joven y Alocada da tamén debutante realizadora chilena Marialy Rivas, son os títulos que conformaron o cartaz do ciclo Girls on Fire.

Celebrado na Coruña entre o 21 e o 24 de maio, o proxecto naceu da colaboración entre o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) e o REC, Festival de Cine Internacional de Tarragona. 

Dende o CGAI, José Manuel Sande comenta que o atractivo da programación reside, alén de que sexan películas feitas por mulleres, en que “non se proxectaron nas salas do Estado español” malia que, no seu paso polos festivais, se converteron en películas de culto.

“Queriamos contar cunha liña de programación variada e por iso propuxemos películas de nacionalidades distintas para achegarmos unha variedade de estilos e olladas singulares; en definitiva, unhas propostas robustas e radicais”, acrecenta Sande.

Unidas por unha fenda xeracional

Os tres filmes que conforman o ciclo presentan tres adolescentes cunhas realidades sociais e familiares moi distintas, mais cunha fenda común: a pertenza a unha das xeracións máis desarraigadas, no seo da revolución tecnolóxica na que a procura da sexualidade conforma a principal fonte de conflito. 

Dende o Festival Interncional de Cine de Tarragona, María Adell conta que, na visualización de películas habitual para conformar os distintos ciclos temáticos do evento, detectaron unha curiosa tendencia nos dous últimos anos en obras de directoras novas de nacionalidades moi dispares. 
Aliás, constataron que nos distintos filmes o corpo da muller era usado como medio de reafirmación de si propias e de transgresión das normas, “unha mirada difícil de ver nas pantallas do cine”, explica a crítica do festival catalán. 

No caso de Tiny Furniture, Lena Dunham, que deu o salto á fama coa serie The Girls no canal HBO, é a directora, guionista e protagonista dunha obra que nos traslada ao Nova Iorque snob e superficial das clases altas e d@s artistas, da man dunha moza que loita por atopar o seu espazo no mundo.

Pola contra, Klip trasládanos ao arrabalde de Belgrado para narrarnos a creba existente entre a xeración que viviu a guerra civil serbia e a nova, na mirada dunha rapaza atrapada nunha desfasada espiral de sexo e drogas. No que atinxe ao filme chileno de Rivas, a protagonista loitará pola comprensión da súa bisexualidade no seo dunha familia de férrea tradición relixiosa. 

Mumblecore, a expresión das adolescentes de hoxe

Conta Xosé Nogueira, profesor do Departamento de Historia do cine da USC, que temos que entender estes proxectos coma un movemento dentro do cine independente que comezou na segunda década do século XXI e que se coñece por mumblecore ou neorrealismo dixital. 
Segundo relata o profesor de cinema, “son películas de baixo orzamento, feitas con poucos medios, ás veces en formato dixital, onde abunda a improvisación e os actores non profesionais, recuperando as raíces do cine independente orixinario”.

O estilo relaciónase, asemade, co cine indie que ten a John Cassavettes coma referente principal, “afastándose do indie pijo, habitual no festival de Sundance”.  

Dentro deste movemento emerxe unha nova corrente de cineastas que roldan os vinte anos, que dirixen os seus propios filmes e que xeralmente os protagonizan.

Nesta órbita encaixan os traballos das tres realizadoras que configuran o ciclo Girls on Fire, nos que frecuentemente recorren a elementos autobiográficos para falar da experiencia da súa xeración. Alén diso, estas cineastas coñécense “por usar os seus corpos dunha forma radical, consciente e desprexuizada”, tal e como explica Nogueira, mais “superando as fronteiras do cine de xénero”. 

Malia que no uso do corpo feminino se poden atopar paralelismos cos traballos dalgunhas cineastas e artistas performativas vinculadas co postfeminismo e o queer, o certo é que “non fan da súa obra un manifesto feminista consciente”, mantén Nogueira. 

Máis en Artes Escénicas
Comentarios