'O Hobbit': a desolación de Smaug

Naceu como novela en 1937 e foi levada ao cinema por Peter Jackson. Após a primeira entrega, Unha viaxe inesperada, chega esta segunda parte cuxo prato forte é, sen dúbida, o dragón Smaug. A terceira entrega estrearase en decembro.

hobbit
photo_camera [Fotograma do filme]


Título orixinal: The Hobbit: The Desolation of Smaug
Ano: 2013
Duración: 161 min.
País: Estados Unidos
Director: Peter Jackson
Guión: Peter Jackson, Philippa Boyens, Fran Walsh, Guillermo del Toro
Fotografía: Andrew Lesnie
Música: Howard Shore
Reparto: Martin Freeman, Ian McKellen, Richard Armitage, Aidan Turner, James Nesbitt, Luke Evans, Stephen Fry, Ryan Cage, Orlando Bloom, Evangeline Lilly, Ken Scott, Stephen Hunter, Benedict Cumberbatch
 

SINOPSE

Gandalf, Bilbo Bolsón e os 13 ananos, liderados por Thorin Escudo de Carballo, continúan a súa andaina pola Terra Media para recuperar o reino anano de Erebor. Para iso teñen que chegar ata a Montaña Solitaria onde o cruel dragón Smaug custodia un extraordinario tesouro.
 

CRÍTICA

Desde a súa estrea a mediados de decembro, por unha cousa ou outra, estiven pospoñendo ver a segunda parte de “O Hobbit” todo o que puiden buscando calquera escusa que se me puxera por diante. En parte pola decepcionante primeira parte e tamén porque na miña cabeciña seguía resoando unha e outra vez, a modo de mantra: “un libro de 300 páxinas vai ter 3 películas de case 3 horas cada unha”. Iso é algo difícil de crer a verdade.

Pero ao final caín. Vina porque me presta moito Tolkien e, aínda que os sentidos me dicían o contrario, non podía pasar a oportunidade de ver algo relacionado co seu mundo en pantalla grande. Nesta triloxía cinematográfica sobre o (único) libro de “O Hobbit” hai moito de inventado e moito de alongamento. Desde a primeira película xa recibira o sobrenome de filme “goma de mascar”.

A idea de achegarse a unha obra tan magna e ben feita coma a de “O señor dos aneis”, unha das mellores adaptacións de novela á gran pantalla da historia, ten moito de arriscado aínda que na produción e no guión teñamos ao mesmo director e ao mesmo equipo técnico. Apuntaron demasiado alto. E máis se houbo presións dende a produtora para sacar tres películas en lugar das dúas que se tiña pensado ao principio. Con dous películas igual houbera funcionado ben pero é que estamos falando de unha película por cada 100 follas de novela!! Iso non é posible.

Hai que inventar. E aínda que se teña ao mesmísimo Guillermo del Toro para tentar aportar parte da súa desbordante fantasía para encher os ocos que non sae no libro de Tolkien, o inventado non gusta a todo o mundo. E menos aos máis puristas. A primeira parte non había por onde collela: era lenta, con repetición de esquemas e persecucións calcadas unhas as outras. Só se salvaba un pouco o pasaxe da aparición de Gollum.

Nesta segunda parte continúan as persecucións e fuxidas, nun máis difícil aínda, salvándose sempre in extremis; e hai que engadirlle uns discursos grandilocuentes con música de fanfarra in crescendo unha e outra vez, movementos de cámara idénticos que se repiten ata a saciedade, escenas case cravadas a algunha de “King Kong” (do propio Peter Jackson) e incluso unha certa tensión sexual non resolta entre distintas razas, a priori, incompatibles... (sen comentarios).

A música tende a ser tamén repetitiva e pretenciosa e grandilocuente. Neste senso se salva a achega que fai Ed Sheeran, artista británico descuberto en youtube, coa canción “I see fire” que sae nos títulos de crédito do final. E non toco o tema dos actores, que creo que é mellor non falar (qué Bilbo Bolsón máis eslamiado por favor!). Con todo e tras enumerar tantas pegas, fallos e prexuízos tolkinianos do tipo “no libro non era así”, hai que recoñecerlle o mérito de que a película funciona. Pero funciona se nos abstraemos do mundo de Tolkien e nos deixamos levar polo mundo Peter Jackson/Guillermo del Toro.

Hai acción, aventura, unha trama interesante e por riba... sae Smaug! O dragón é sen dúbida o punto forte do filme. A película perde estrepitosamente se a comparamos coa triloxía de “O señor dos aneis”, pero en “A desolación de Smaug” hai unha certa recuperación narrativa digna de agradecer que polo menos evitará esas cabezadas que provocaba a primeira.

Tamén deixa un final aberto que nos invita a desexar que se estree xa a terceira parte. Tras este lavado de cara e posta a punto a cousa empeza a prometer e tomar forma, pero xa veremos a ver... A terceira parte, como xa apuntaramos nas estreas máis esperadas do 2014, estrearase en decembro.

Máis en Artes Escénicas
Comentarios