Futbolín, fai unha partida?

Xa é sexta feira. Publicamos unha nova crítica de cine asinada por Andrés Castro. Nesta ocasión arredor dun estreno, Futbolín. 

2
photo_camera 2

Título orixinal: Metegol
Ano: 2013
Duración: 106 min.
País: Arxentina
Director: Juan José Campanella
Guión: Juan José Campanella, Eduardo Sacheri, Gastón Gorali
Música: Emilio Kauderer

SINOPSE
Amadeo é un tímido rapaz virtuoso do futbolín que lle gana unha partida a un presuntuoso mozo e que desde entón xura vinganza. Anos despois retorna coma “O Crack”, un famoso futbolista de éxito, co obxectivo de mercar todo o pobo para convertelo nunha cidade do fútbol. Amadeo terá que enfrontarse desta volta nun partido real para tratar de evitalo. Non só contará coa inestimable axuda dos veciños senón tamén dos bonecos do futbolín que se tornan en personaxes reais.

CRÍTICA
Outra película moi apropiada nestas datas para a rapazada. A novidade é que trata sobre o xoguete creado por Alexandre Campos Ramírez en plena Guerra Civil, máis coñecido por todos coma Alexandre Finisterre (1919-2007), e que chegou á meirande parte do mundo con diferentes nomes: metegol (Arxentina), matraquilhos (Portugal), totó (Brasil), foosball (Canadá), baby-foot (Francia), langirt (Turquía)... Tras filmes coma “O segredo dos teus ollos”, “Lúa de Avellaneda” ou “O fillo na noiva”, o director bonaerense Juan José Campanella fai a súa primeira incursión no cinema de animación, e ademais atrévese co 3D. Escolle adaptar un dos contos máis famosos do seu país titulado “Memorias dun wing dereito”, do rosarino Roberto “Negro” Fontanarrosa. Na Arxentina wing fai referencia a un xogador de campo que xoga de extremo. Na película, e no conto, fai referencia ao boneco do futbolín que está “colocado” nese posto. O gusto polo cinema de Campanella faise palpable nas evidentes homenaxes que hai a “2001: unha odisea do espazo” (1968, Stanley Kubrick), “Apocalipse now” (1979, Francis Ford Coppola) ou “O bo, o feo e o malo” (1966, Sergio Leone). A trama tamén lembra un pouco a “A princesa prometida” (1987, Rob Reiner), xa que a incrible historia dos bonecos de futbolín que cobran vida é contada coma un conto para durmir, tal e como pasaba coa de Reiner que tamén era un conto para durmir. En cuanto á trama hai que dicir que está collida con pinzas. Pouco que salientar salvo as homenaxes cinéfilas antes citadas. A historia é bastante simple e as personaxes planas e estereotipadas. O malo ten un parecido extremadamente sospeitoso co internacional luso Cristiano Ronaldo e as demais personaxes que aparecen son apenas bosquexos de personaxes. Ten un comezo prometedor pero pronto a historia deixa de dar de si. Sálvase un pouco mirala en versión orixinal. Bon, sempre é mellor mirar unha película en versión orixinal, pero a mágoa neste caso é que optaron por traducila ao castelán (de Castela) cando foi concibida para estar con acento arxentino. Tradución incomprensible e absurda que ademais fai que se perdan moitos dos xiros lingüísticos que facían algo entretido ao filme. Iso si, a animación é fluída e está á altura das grandes superproducións de animación. Apostaron pola técnica, que é impecable, pero descoidaron bastante os cimentos do guión. Porén a película ten un pase e mírase sen dificultade. Gustará aos máis cativos que ademais aprenderán leccións de superación e amizade. E se por riba méteselle o gusto no corpo por un xoguete con máis de 75 anos de historia saído do maxín do mestre Alexandre Finisterre, pois moito mellor. Porque, parafraseando a canción dos Diplomáticos de Montealto, xa sexa metegol na Arxentina, matraquilhos en Portugal, con cambio ou furonazo, o futbolín é máquina total. Fai unha partida?

 

Máis en Artes Escénicas
Comentarios