Escena Galega exixe que as institucións culturais cumpran co teatro

Nas "III Xornadas das artes escénicas: o teatro como servizo público" o sector reclamou o apoio por parte das institucións e unha reformulación das actuais políticas culturais.
Público nas III Xornadas de Artes Escénicas

O sector das artes escénicas, agrupado ao redor de Escena Galega, celebrou hoxe no Consello da Cultura Galega unha xornada para analizar a situación do sector como sector público. Por terceiro ano a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas reuniu en mesas de debate persoas expertas na materia. 

Nesta edición abriron a xornada Pilar García Negro, María Xosé Porteiro e Miguel Martín Fernández, coa moderación a cargo de Inma López. A educación e a identidade cultural centraron a intervención de García Negro, que sinalou que "as destrezas escolares básicas en lingua e literatura naufragan no imperio da televisión e internet". Para a profesora da UdC é preciso un decálogo de prioridades na xestión cultural pública. "As partidas destinadas á cultura non son un gasto, son un investimento a longo prazo, a prol da lingua, dun tecido empresarial e dunha cultura de noso". Rematou a súa intervención apuntando que "o teatro se ten un tempo e unha identidade, se ten lingua, polo que hai que supeditar todo euro público teatral á programación de compañías, grupos e obras galegas".

María Xosé Porteiro tratou a importancia dunha proxección internacional do teatro galego promovida desde as institucións. "Hai públicos pendentes de ser cultivados, mentres que temos unha nómina de autores e autoras, directores e directoras, e actores e actrices que teñen o dereito de estar onde hai públicos interesados". A súa experiencia en Arxentina saíu cando asegurou que "A cultura deber formar parte da nosa política exterior, a diplomacia cultural sempre é unha das que mellor funciona".

Miguel Martín, primeiro director de Agadic, non estivo de acordo en que o teatro fose tratado como un "servizo público". Na súa opinión iso é unha decisión política ou que demanda a sociedade". Falou dos dous modelos de xestión, o socialdemócrata e o liberal, e afirmou sentirse máis achegado ao modelo neoliberal, "onde o protagonismo recae na sociedade civil e a intervención pública se concreta na opción de apoiar".

“Desleixo” das institucións

Esta xornada serviu tamén para dar o toque de atención ao poder político. Salvador del Río, presidente de Escena Galega, foi moi claro nas palabras que abriron esta xornada. "Imos analizar a desleixo nas súas funcións de determinadas administracións que teñen a palabra cultura na súa denominación, se serven para os obxectivos para os que foron creadas ou non", afirmou. "Nós cremos que deben seguir existindo e apoiando eses fins para os que se constituíron", engadiu. O obxectivo final das xornadas, como explicou Del Río, "é tirar unhas conclusións sobre a concepción do teatro como un servizo público que sirvan de folla de ruta para o seu futuro". 

A xornada rematou cunha mesa en que participaron Xosé Manuel Pazos Varela, autor, tradutor e dramaturgo, membro do consello de redacción da Revista Galega de Teatro, Manuel Xestoso González, xornalista, editor, tradutor e crítico literario e teatral, moderados pola xornalista Ana Romaní.

Máis en Artes Escénicas
Comentarios