EULÉN EXPÁNDESE NA GALIZA DESDE A CHEGADA DE FEIXOOO AO GOBERNO

Empresa vinculada ao PP monopoliza a xestión de centros culturais

Centrada en servizos de mantemento, seguridade e limpeza e vencellada ao Partido Popular, Eulén está facéndose coa xestión de centros culturais como o Teatro Jofre ou o Colón da Coruña, concesión que a Deputación formalizará o día 27.

A concesión da xestión do Teatro Colón da Coruña por parte da deputación provincial ao Grupo Eulen, que se formalizará o 27 de abril, sacou a relocir os vínculos deste grupo empresarial, centrado en servizos de mantemento, seguridade e limpeza, co Partido Popular. A xestión do Colón non é a única adxudicación a Eulen no campo da cultura nos últimos tempos en Galiza. Días atrás o concello de Ferrol entregáballe a xestión dos equipamentos culturais da cidade, incluído o Teatro Jofre.

O pasado 13 de abril o concelleiro Manuel Reyes García Hurtado avanzaba a proposta da mesa de contratación do concello de Ferrol coa intención de adxudicar a Eulen a xestión dos equipamentos culturais de referencia da cidade. Entre eles, o Teatro Jofre, o Centro Cultural Torrente Ballester e o futuro auditorio municipal situado no barrio de Caranza. Os pregos establecen que, ademais dos servizos que por eficacia e operatividade deberá desenvolver a empresa adxudicataria corresponderanlle " a xestión da programación e produción de eventos e a atención permanente ás exposicións nos centros culturais". O importe anual da adxudicación supera o medio millón de euros.


Se no concello ferrolán a de Eulen foi a única proposta admitida para optar á contratación mencionada, na Coruña a concesión do xestión do Teatro Colón durante os próximos cinco anos por parte da deputación resulta máis chamativa. Presentáronse dúas ofertas para xestionar este emblemático espazo. Ademais da de Eulen, asociada nesta ocasión cunha empresa madrileña de carácter técnico (
Gestión de Espacios Culturales y de Ocio) e unha produtora musical canaria (Una Hora Menos Producciones), a oferta máis ventaxosa economicamente foi presentada por Cávea Producións. Alén do aspecto monetario, a empresa dirixida por Ramón Barros e participada ao 100% pola caixa galega tiña o aval da experiencia. Levaba desde 2007 xestionando o Colón cun haber de cen mil espectadores no ano 2011. Cávea tería adxuntado na súa proposta máis de trinta cartas de empresas de produción teatral e musical que avalarían a súa xestión co compromiso de continuar a liña de traballo coa empresa dirixida por Barros, quen foi responsable do Instituto Municipal Coruña Espectáculos até 2006.

Mentres a oferta encabezada por Eulen bota man do 100% da cantidade a aportar pola entidade provincial, ou sexa un máximo de 300.000 euros anuais, a oferta de Cávea comprometíase a utilizar só un 21% desa cantidade, conseguindo o resto dos fondos necesarios para xestionar o proxecto a través dos ingresos de billeteira e patrocinios. A proposta da UTE encabezada por Eulen comprométese a programar durante 152 días ano ano fronte aos 91 mínimos que establecían os pregos e que garante Cávea. Fontes consultadas no sector aseguran que atendendo aos pregos e condicións do concurso, a proposta de Eulen resulta "inverosímil" e só se pode entender desde o descoñecemento do sector ou desde a intención de traballar "fóra de prezos".

Galicia conta cun convenio colectivo propio de empresas de eventos, servizos e producións culturais (DOG do 28 xullo de 2010) cuxo ambito funcional de aplicación atinxe "ás empresas e aos seus traballadores e traballadoras que na Comunidade Autónoma de Galicia realicen actividades de deseño, xestión e produción de eventos de carácter cultural, educativo, social e de entretemento, destinados a ser executados en locais pechados ou a ceo aberto e en xeral todas as actividades preparatorias para a execución destes eventos ou servizos, incluídas as actividades comerciais, de representación de artistas, distribución de eventos e management". O texto establece grupos profesionais e mínimos salariais; fóra deles só é posible traballar neste ámbito xustificando perdas ou con categorías profesionais alleas ao convenio.

Dinamización xuvenil e modelos de Belas Artes

En decembro de 2009 o daquela portavoz do BNG Carlos Ameyrich sinalaba con nomes e apelidos á irmá do presidente da Xunta, Micaela Núñez Feijóo, como un factor clave para entender á adxudicación da xestión dos centros do día ao Grupo Eulen. Tamén no ámbito da política social, en xaneiro de 2011 a Consellería de Traballo e Benestar adxudicaba ao grupo de limpeza e seguridade o contrato de programación e xestión do proxecto Rede de Espazos Xoves de Dinamización Xuvenil e Emancipación cun orzamento base de 334.966 euros. Facíase tras desisitir dunha licitación de agosto de 2010 (DOG do 15 de setembro de 2010) que non se axustaba á legalidade. A rede ten en entre os seus cometidos ofrecer orientación profesional e sociolaboral para as mozas e mozos que buscan emprego; asesoramento en materia de formación e sobre a posta en práctica de ideas emprendedoras e proxectos empresariais.


Nos últimos días Eulen tamén se fixo co contrato de servizo de modelos en vivo na Facultade de Belas Artes de Pontevedra para o periodo comprendido entre o 1 de marzo de 2012 e o 1 de marzo de 2013 cun gasto máximo para este ano de 99.641,67€. Neste caso, a empresa competidora no concurso, Arte Nu, foi excluída do proceso ao cometer un erro que contraviña as claúsulas administrativas. Co que non contaban os modelos que viñan prestando este servizo na universidade viguesa é que Eulen non subrrogase os seus contratos, como así lles foi notificado ao reincorporarse ao traballo tras as vacacións de Semana Santa. Eulen xestiona este mesmo servizo na Universidade de Sevilla, cuxos modelos protagonizaron unha folga o pasado ano debido á baixo prezo pagado por hora e á non consideración de fixos-discontinuos por parte da empresa.

O Grupo Eulen e o PP

Eulen parte dunha empresa de limpeza fundada en Bilbao en 1962 polo leonés David Álvarez Díez e é hoxe unha multinacional con presenza en América Latina, Estados Unidos e Portugal. Segundo os seus propios datos, cun cadro de persoal composto por máis de 80.000 persoas. Entrou no século vinte e un centrada en servizos de mantemento, limpeza e seguridade, cun só capricho empresarial; as adegas Vega Sicilia. Pero pouco a pouco -en boa parte debido a súa presenza na limpeza e seguridade de museos e centros educativos e culturais- foi asumindo labores relacionadas co ocio e coa cultura. Este foi o caso do Museo de Arte Contemporánea de Castela-León, o MUSAC, onde asumiu o baleiro das administracións na contratación de persoal específico dun centro de arte; o mesmo esquema repetiuse na asunción da xestión de escolas infantís na Rioxa e en Madrid.

Unha alta porcentaxe da facturación de Eulen ven dada polas administracións públicas -gobernadas por distintas cores políticas-, se ben é inegable que as relacións deste grupo empresaria co Partido Popular trascenden a presenza dunha familiar do presidente da Xunta de Galicia e veñen de lonxe. O que foi ministro do Interior popular, Jaime Mayor Oreja, ingresou na empresa no ano 1981 -cando exercía como vicepresidente da mesma, o ex ministro de Interior Rodolfo Martín Villa- aínda que sempre negou calquera vínculo coa auxe experimentado pola seguridade privada en diferentes partes do Estado español. O ex presidente José María Aznar -xunto a Mayor Oreja e o presidente de Castela-León Juan Vicente Herrera- foron convidados á voda de María José Álvarez, filla do dono do Grupo Eulen, celebrada en xullo de 2008 nunha finca leonesa situada moi preto de San Glorio. Nesta paraxe natural o empresario leonés, que declaraba hai uns anos vivir baixo os preceptos cristiáns, promovía unha estación de esqui co apoio do governo autonómico e a oposición de ecoloxistas e do Tribunal Superior de Xustiza de Castela-León, avalado recentemente polo Supremo.

Máis en Artes Escénicas
Comentarios