Dramaturxia internacional contra a crise na MIT Ribadavia 2012

O Festival referente do noso teatro segue, na súa vixésimo oitava edición, aportando novos aires sen esquecer a súa memoria. Estreas internacionais, como a obra 'A puerta cerrada' da compañía Timbre 4 e a reputada Théâtre du Soleil, e unha merecida homenaxe a Francisco Pillado, agardan por nós na MIT de Ribadavia entre o 20 e o 28 de xullo.
theatredusursau
photo_camera theatredusursau

Un ano máis a MIT de Ribadavia sorprende. Sen o orzamento doutras edicións, non entrou na financiación de Agadic, mantén unha programación que podemos considerar de luxo polas estreas internacionais, a representación galega e as actividades paralelas que revelan novos aspectos do mundo da dramaturxia. Quico Cadaval será o encargado abrir como pregoeiro un programa cargadiño de novidades. Entre as obras a salientar está El Príncipe Feliz, da Companyia de Comediants La Baldufa, que obtivo o Premio á mellor adaptación teatral 2012 da Feira de FETEN de Xixón por esta reinvención do conto de Wilde. Outra estrea que sorprenderá vai ser a dirixida por Lidia Rodríguez coa compañía Teatro en el Aire e que leva por título Bailando tus huesos, unha experiencia en pequeno formato que invita a gozar da vida. Por último a grande coprodución franco arxentina entre as compañías Timbre 4 e Théâtre du Soleil que levarán a Ribadavia a súa A puerta cerrada, sobre textos de Jean Paul Sartre seguro que non deixaran indiferente ao público.



Xornada sobre crítica e teatro
A Asociación de Escritores en Lingua galega (AELG) organizará, dentro da programación do festival, unha xornada sobre o mundo da crítica e o teatro. Para Inma López, responsábel da Sección de Crítica da AELG, “non é contraditorio que coexistan escritor@s e critic@s na mesma asociación”, algo que dan a entender nas actividades que realizaron na súa curta vida: primeiro unha xornada sobre a crítica literaria en xeral, logo sobre a temática infantil e agora esta que levan a cabo en Ribadavia sobre o teatro.
A xornada do día 26 de xullo comezará ás 10 horas coa apertura a cargo de Roberto Pascual, Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e Inma López Silva. O primeiro dos temas a debate será “O gran ausente da crítica: teatro para a infancia e a mocidade” no que participarán Montse Pena Presas (Investigadora USC), Paula Carballeira (Escritora, actriz) e Gonzalo Guerreiro (Elefante Elegante), coa moderación de Ana Blanca Roig (Profesora USC). Logo falarase de “Teatro e literatura dramática ante a crítica” e intervirán Dolores Vilavedra (Profesora USC), Santiago Cortegoso (Actor, director e dramaturgo) e Francisco Pillado (Editor), coa moderación de Roi Vidal Ponte (Director de escena). A última das temáticas é a de “A crítica teatral nos medios de comunicación” coa intervención de Mónica Caamaño (Plataforma das Artes Escénicas), as xornalistas Comba Campoy, Ana Romaní, Camilo Franco e Manuel Xestoso. A moderación corresponderá a Inma López.
Na clausura da xornada entregarase o Premio de Honra Abrente a Francisco Pillado Mayor.

Francisco Pillado, Premio de Honra Abrente
Os premios de Honra Abrente xurdiron hai anos para recoñecer o traballo no mundo do teatro nos seus máis variados campos: realización, promoción, difusión... Desde aquel que se dedicou a Roberto Vidal Bolaño no ano 2000 moitas persoas, compañías e entidades que en moitas ocasións non teñen outro recoñecemento público.
No homenaxeado este ano, Francisco Pillado, recoñécese a súa traxectoria xeral, e en particular aquela que procurou potenciar o teatro galego, segundo sinala a acta do premio, “a través de proxectos fundacionais como o Dicionario do teatro galego (1671-1985), a Antoloxía do Teatro Galego ou os Cadernos da Escola Dramática Galega”. Tamén lembra o seu activismo cultural, a súa achega ao mundo da tradución e a súa solidariedade para co mundo da investigación teatral pola cesión da súa biblioteca á Universidade da Coruña. Por último recoñécese o se traballo desde a directiva da AELG e a editorial Laiovento a través da colección de teatro Arlequín.

"Recibín por carta a notifcación do premio e sentín unha enorme emoción", admite Francisco Pillado. Para o editor é "un recoñecemento a toda a miña xeración, cando o teatro era un medio de loitar contra o franquismo". Daquela, asegura, "o teatro e o púlpito eran as únicas tribunas ideolóxicas que había", conta. Cando fixo teatro en O Facho con Manuel Lourenzo "contabamos que había só Castelao e Cunqueiro polo que aínda recibimos algunha chamada de atención". Logo dedicouse ao mundo editorial mais nunca deixou de apoiar as artes dramáticas. "En Laiovento apoiamos sempre a publicación de textos teatrais", asegura.

Programa XXVIII MIT Ribadavia

20 de xullo

23:00 horas: Teatro do Vilar, Fóra de si. Auditorio do Castelo. Apoio da MIT ao teatro afeccionado de Ribadavia.

21 de xullo

20:00 horas: Inauguración oficial da MIT 2012. Salón de actos Concello de Ribadavia.
20:30 horas: Pregón da 28ª edición a cargo de Quico Cadaval.
23:00 horas: Timbre 4 e Théâtre du Soleil,  A puerta cerrada  (Arxentina e Francia). Auditorio do Castelo
00:30 horas:  Drago Bianco e Cantiere Ikrea, ZOTT il fuoco che cammina (Italia). Espazo Ruadavia: Praza Maior.

22 de xullo

12:30 horas: Resolución do 7º Premio Abrente de textos teatrais. Salón de actos da Casa do Concello.
20:30 horas: Teatro en el Aire, Bailando tus huesos (España-México). Igrexa da Madalena
23:00 horas: Teatro do Chapitô, Cão que morre não ladra (Portugal). Auditorio do Castelo

23 de xullo

20:30 horas: Teatro en el Aire, Bailando tus huesos (España-México). Igrexa da Madalena
21:00 horas: Teatro de Marionetas do Porto, Feedback (Portugal). Espazo Ruadavia: Praza Maior
23:00 horas: Compañía Nacional de Teatro Clásico e Nao d'amores, Farsas y églogas (España). Auditorio do Castelo.

24 de xullo

20:30 horas: Teatro en el Aire, Bailando tus huesos (España-México). Igrexa da Madalena.
12:00 e 20:00 horas: Xirriquiteula, Xirafas (Catalunya). Espazo Ruadavia, Itinerante.
23:00 horas: Mefisto Teatro, Donde hay agravios no hay celos (Cuba). Auditorio do Castelo
 
25 de xullo

20:00 horas: Viravolta Títeres, Cantares de cego (Galiza). Santo André
21:00 horas: La Baldufa, El príncipe feliz (Catalunya). Casa da Cultura
23:00 horas: P.T. Excéntricas, Oeste solitario (Galiza). Auditorio do Castelo

26 de xullo

10:00 horas: Xornada Teatro e Crítica, Asociación de Escritores en Lingua Galega. Salón de actos da Casa do Concello. Acto de entrega do Premio de Honra Abrente 2012 e clausura.
19:30 horas: Presentación do número 71 da Revista Galega de Teatro. Café La Huella del Gato.
12:00 horas: Théâtre du Sursaut, Post-scriptum (Bélxica). San Cristovo. 21:00 horas: no Espazo Ruadavia: Praza Maior.
23:00 horas: Elefante elegante, In (Galiza). Auditorio do Castelo

27 de xullo

12:00 e 21:30 horas: Truck theater, Sololeo (España). Espazo Ruadavia: Adro de Santo Domingo
20:00 horas: Caramuxo Teatro, Historia dunha semente (Galiza). Sampaio
21:00 horas: ESAD Galicia, A tempestade (Galiza). Casa da Cultura
23:00 horas: Les Anachroniques, Crónicas do Sochantre (Francia). Auditorio do Castelo  

28 de xullo

12:00 e 21:30 horas: Truck theater, Sololeo (España). Espazo Ruadavia: Adro de Santo Domingo
20:00 horas: Os Quinquilláns, Arrieiros (Galiza). Francelos
23:00 horas: T de Teatre, Delicadas (Catalunya). Auditorio do Castelo




Máis en Artes Escénicas
Comentarios