Días de teatro no Carballiño

O Festival de Teatro Galego do Carballiño (FETEGA) celebra a súa XXIII edición do 4 ao 7 de setembro con monólogos, monicreques, Teatro de Ningures e a presentación da compañía Il Maquinario
Cartaz do XXIII FETEGA do Carballiño
photo_camera Cartaz do XXIII FETEGA do Carballiño

Manuel Manquiña, Luís Zahera e Sergio Pazos achegan cos seus monólogos o 50% da programación desta XXIII edición do Festival de Teatro do Carballiño 2012. Moito peso das caras televisivas nun formato tamén mediático fronte ao resto da programación coas compañías Il Maquinario Teatro e Teatro de Ningures. A aposta do concello e da deputación de Ourense, despois do abandono como patrocinador da Xunta, ten o seu fundamento nun orzamento reducido de 18.000 euros ao que se lle suma as entradas no despacho ao prezo de oito euros.

Programación
O FETEGA comeza o 4 de setembro cos 'Monólogos Inocentes' de Manquiña e Luís Zahera, un diálogo entre ambos os dous actores sobre temas de actualidade como a crise económica, a televisión, a familia ou o amor. O día 5 vai de estrea. Unha nova compañía, Il Maquinario Teatro, preséntase no Carballiño coa súa primeira obra: “O Home almofada”. Esta produción de Fernando González, Fran Lareu, Laura Míguez, Tito Asorey e Melania Cruz achéganos á estética da banda deseñada e ao cine no cal pretende ser un proxecto transgresor. O 6 de setembro Teatro de Ningures volve coa obra baseada no libro de Laila Ripoll 'Atra Bile', catro mulleres diferentes que descobren os seus sentimentos diante dunha traxedia. Remata o festival o día 7 de setembro coa entrega de premios e a actuación de Sergio Pazos cun monólogo titulado 'Sé galego my friend'.

Actividades paralelas
Nos catro días de festival haberá espectáculos de rúa na praza do Concello a cargo de Títeres Viravolta. Comezarán o 4 de setembro coa representación de 'O galo Quirico', o día 5 haberá un obradoiro de monicreques, o día 6 representarán 'Polichinela', rematarán o día 7 coa obra 'A casa do rato', unha dramatización de xogos populares. Ademais impartirase un curso maxistral de teatro a cargo de Itelvino Vázquez co título de "O corpo desinhibido, un corpo a punto para actuar".

Máis en Artes Escénicas
Comentarios