Dezasete espectáculos convértense en finalistas dos XVII Premios María Casares de Teatro

'Viaxe a ningunha parte', de Sarabela, con dez candidaturas; e 'Tokio3', de Voadora, con nove, son as montaxes con maior número de nomeados nos galardóns organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galiza
Viaxe a ningunha parte de Sarabela teatro
photo_camera 'Viaxe a ningunha parte' de Sarabela teatro

Un ano máis, e van dezasete, a Asociación de Actores e Actrices de Galiza (AAAG) celebrará a grande festa da escena galega. Nesta ocasión será o 27 de marzo coincidindo co Día Mundial do Teatro, no Rosalía de Castro da Coruña. Máis de 150 profesionais do sector asistiron á VI Festa dos Nomeados, evento que tivo lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns (Ames) onde se deron a coñecer os finalistas.

Un total de 17 espectáculos conseguiron finalmente algún nomeamento nas trece categorías coa que contan os galardóns. Viaxe a ningunha parte, de Sarabela Teatro, converteuse na montaxe con maior número de finalistas, ao obter un total de 10 nomeamentos, incluíndo ao mellor espectáculo e á dirección. Tokio 3, de Voadora, aspira a 9 galardóns, entre eles tamén o de dirección e espectáculo. O metodo Grönholm, de Talía Teatro, é a terceira produción con maior número de finalistas, ao optar ao premio en 5 categorías. Pola súa banda, o musical Galicia Caníbal, de Filmanova Invest SA, podería acadar até 3 xerras dos María Casares.

As obras Currículum Vitae, de Redrum Teatro; Decamerón. Historias para tempos ruíns, de Abrapalabra Creacións Escénicas; A función do tequila, de Teatro do Morcego; Malos Hábitos, de Iolanda Muíños e Camila Bossa, e Pequenos actos pseudorrevolucionarios que non serven para cambiar o mundo, pero fan que quedemos máis tranquilos, de Ibuprofeno Teatro, lograron dous postos finalistas.

Cun nomeamento sitúanse os espectáculos O fantabuloso cine ambulante dos Irmáns Lumieira, dos Irmáns Lumieira; O profesional, do Centro Dramático Galego; ¡Lalelo!, de Lospregos; Snakizados. Comedia da fin do mundo, de Ancora Produccións; Románticos!, de Producións Teatráis Excéntricas; Kafka e a boneca viaxeira, de Eme2; Nuncabunga, de Elefante Elegante, e Desfeitos, de Teatro Galileo.

Máis en Artes Escénicas
Comentarios