Crítica de cinema: The Kings of Summer

Unha cabana no monte, o lugar idóneo para construír unha sociedade á marxe do pre-estabelecido. Ansias de emancipación, liberdade e rebeldía no filme do que din é o novo gurú do cinema independente, Vogt-Roberts. 

capa

Ano: 2013
Duración: 95 min.
Nacionalidade: Estados Unidos
Director: Jordan Vogt-Roberts
Guión: Chris Galletta
Fotografía: Ross Riege
Música: Ryan Miller
Reparto: Nick Robinson, Gabriel Basso, Moises Arias, Nick Offerman, Megan Mullally, Alison Brie, Erin Moriarty, Marc Evan Jackson

SINOPSE
Tres adolescentes atopan un lugar no bosque idóneo para construír unha cabana na que poidan escapar das súas abafantes familias para comezar unha vida en liberdade, sen adultos que os controlen, baixo as súas normas e principios á marxe da sociedade.

Tres adolescentes, unha cabana e a música indie centran o filme

CRÍTICA
Un verán sen unha película que leve no título a palabra “verán” (sexa no idioma que sexa)… non é verán. The Kings of Summer é a primeira película do debutante Jordan Vogt-Roberts. O filme vai de tres adolescentes que acaban as clases e tras unha festa na praia atopan un bosque onde deciden construír unha casa onde levar a cabo os seus máis húmidos desexos de emancipación, liberdade e rebeldía onde van vivir baixo as súas propias normas e sen que ningún adulto lles diga o que teñen que facer. O protagonista é Nick Robinson, un rapaz con pinta de Justin Beaber, o seu amigo de toda a vida e con pinta de deportista está interpretado por Gabriel Basso (xa visto en Super 8) e o terceiro en discordia Moises Arias, un mozo cunha sorte de raquitismo que interpreta ao desatado e friki Biaggio, o alivio cómico e o probablemente o mellor (e o peor) da película. 

Os tres protagonistas constrúen unha casa na que levar a cabo os seus desexos de emancipación, liberdade e rebeldía

Tras un inicio prometedor o tema vaise diluíndo rapidamente: chistes excesivos, repetitivos e moi forzados, personaxes exaxerados e pouco cribles, e unha historia con ínfulas de profundidade pero que resulta aburrida e cheira a episodio piloto dunha sit-com de televisión por cable. Nin o citado Biaggio nin a presenza do (suposto) humorista Nick Offerman fai demasiada graza. Ademais estamos ante un filme indie feito con premeditación e aleivosía. Hai un rebuscado tratamento da imaxe, a cargo de Ross Riege, que alterna entre escenas que parecen sacadas de Into the Wild (2007, Sean Penn) e secuencias que máis parecen dun anuncio de festival de verán neo-hippie-pijo-hypster-indie. 

Os momentos musicais ambient de grupos coma MGMT, The Skywalkers ou Youth Lagoon remachan ese postureo indie de saldo que lle fai tanto dano a unha película que podería ser unha máis que interesante ópera prima. Aínda que foi presentada no Festival de Sundance, un dos festivais que máis defende o concepto de cinema independente, o director Vogt-Roberts perverte o concepto e acaba por perderse en extravagancias rebuscadas que desvelan unha falta de honestidade fora do común á hora de crear a súa película. Penso que a crítica, nas súas ansias de atopar un novo gurú, precipitouse un chisquiño ao eloxialo coma “un novo director de cinema independente a ter en conta”. Resulta certamente curioso que Vogt-Roberts non tardara nada en deixarse convencer (máis ben fervíalle o cu) para adaptar á gran pantalla o videoxogo Metal Gear Solid de estrea prevista no 2015. Pura pose indie e nada máis. Con todo The Kings of Summer é unha proposta diferente dentro da cantidade de bazofias estivais que chegan ás salas e por suposto haberá a quen lle guste…

Máis en Artes Escénicas
Comentarios