Crítica de cinema: Só os amantes sobreviven

Como cada sexta feira, Andrés Castro, achéganos unha suxerencia audiovisual para a fin de semana. Only lovers left alive non é só unha historia outra historia máis de vampiros. 

Só os amantes

Título orixinal: Only Lovers Left Alive
Ano: 2013
Duración: 123 min.
Nacionalidade: Reino Unido
Director: Jim Jarmusch
Guión: Jim Jarmusch
Fotografía: Yorick Le Saux
Música: SQÜRL
Reparto: Tom Hiddleston, Tilda Swinton, Mia Wasikowska, John Hurt, Jeffrey Wright, Anton Yelchin

SINOPSE
Eve (Tilda Swinton) viven en Tánxer e Adam (Tom Hiddleston) en Detroit. Son dous vampiros que tratan de agochar a súa condición por todos os medios. Pero os amantes necesitan estar xuntos así que Eve viaxa a Detroit para estar co seu namorado. Os días pasan felices ata que un día aparece a Ava (Mia Wasikoska), a imprevisible irmá de Eve, que lles pon patas arriba o seguro mundo que lograron construír co paso dos séculos.

CRÍTICA
Adam e Eve son dous vampiros que se reúnen tras moito tempo separados. Adam leva unha vida de estrela de rock fuxidía e discreta coleccionando guitarras únicas que lle proporciona un zombie (así é como chaman aos humáns). Eve é unha experta en literatura e datos históricos. Marlowe é o mentor e nexo entre ambos e ten moito que ver cun tal Shakespeare. Son seres cultos, refinados e aburguesados que pasan os séculos acumulando información, arte e obxectos únicos. Cando aparece a Ava, a irmá salvaxe e incontrolable de Eve, a vida aburguesada dos vampiros vai dar un xiro de 180 graos. 

Os nomes dos protagonistas, Adam e Eve, fan referencia aos libros que Mark Twain publicou na revista Harper's Bazar

O primeiro que pode chamar a atención é o nome dos personaxes: Adam e Eve. Non se trata dunha referencia directa á Biblia como podería parecer a priori senón que utiliza os nomes dos protagonistas da serie de libros ilustrados que Mark Twain publicou na revista Harper’s Bazzar a principios do século XX. Constancia deixada no visual no propio filme e corroborada nos agradecementos dos títulos de crédito final. Estamos ante cinema de autor con maiúsculas dun dos directores máis a contracorrente do panorama actual. Jim Jarmusch (Baixo o peso da lei, Noite na terra, Ghost Dog) foi adquirindo un estilo do máis persoal quedándose, co tempo, á marxe da industria e de calquera convencionalismo. Con Só os amantes sobreviven acada o cumio da liberdade artística e narrativa. 

Custoulle bastante pero conseguiu facer de novo o que lle deu a gana. Non por nada tivo que emigrar ao Reino Unido para que lle financiaran proxecto, xa que nos Estados Unidos, máis interesados nos resultados económicos que na arte, non conseguía quen lle produciran este traballo. Un traballo de estilo sobre vampiros románticos que é todo o oposto á saga Crepúsculo. Os catro protagonistas están fenomenal. Tom Hiddleston constata as maneiras de rock star que deixaba entrever na súa interpretación de Loki na saga de Thor; Tilda Swinton e John Hurt insuperables, coma sempre; e unha Mia Wasikowska (tamén no cast da última de David Cronenberg Maps to the Stars) que supón un sopro de ar fresco na historia. 

Cumpre salientar a banda sonora elixida para o filme, chea de detalles que acompañan os silencios e cavilacións das personaxes

Ata a súa aparición todo transcorre entre situacións monótonas de dous vampiros snob solitarios e cansados de vivir unha vida que xa viviron mil veces ao longo dos séculos e á que apenas poden atoparlle sentido. Atopan desagradable a sangue humana por estar contaminada e só toleran a sangue pura cero-negativo de hospital. Situacións anódinas nas que parece que nunca vai pasar nada. Iso si, dentro cunha estética cool grazas á fotografía de Yorick Le Saux e unha crepuscular e coidada música new age. 

Banda sonora brutal chea de detalles que acompaña aos silencios e cavilacións de dous seres decadentes que teñen pouco que beber xa do mundo. Unha película coa que hai que ter algo de paciencia se non se quere saír da sala antes de tempo, mais os que coñecemos un pouco a Jim Jarmusch sabemos que soe reservar o mellor para o final. E aquí non é menos. Un romántico final con sabor a beixo que pecha de maneira moi particular un filme só apto para cinéfilos e para quen queira descubrir unha maneira diferente de facer cine. Os demais mellor absterse… ou non.

Máis en Artes Escénicas
Comentarios