Crítica de cinema: Pacific Rim

Chega, o que parece ser, unha nova moda de intentar revitalizar as películas de monstros xigantes tipo Godzilla.

PACIFIC RIM
Ano: 2013
Duración: 131 min.
País: Estados Unidos
Director: Guillermo del Toro
Guión: Travis Beacham, Guillermo del Toro
Música: Ramin Djawadi
Fotografía: Guillermo Navarro
Reparto: Charlie Hunnam, Idris Elba, Rinko Kikuchi, Charlie Day, Burn Gorman, Ron Perlman, Santiago Segura

SINOPSE
Nun futuro próximo, a humanidade vive asediada polos Kaijus, monstros xigantescos que saen das profundidades do océano. Para loitar contra eles, créanse os Jaeger, robots humanoides xigantes que teñen que ser manexados por dous pilotos que teñan compatibilidade sináptica. Os ataques aumentan en frecuencia até tal punto que é necesario tomar unha decisión drástica ou se non a humanidade será exterminada.

CRÍTICA
Chega, o que parece ser, unha nova moda de intentar revitalizar as películas de monstros xigantes tipo Godzilla (xénero kaiju) e robots ao estilo Mazinger Z (xénero mecha), pero co respaldo dun presuposto multimillonario. Concretamente de 190 millóns de dólares. E quén mellor para acadar esta tarefa que un apaixonado da ciencia ficción e o xénero fantástico coma é Guillermo del Toro. Con precedentes coma “Blade”, “O labirinto do fauno” ou, máis concretamente, “Hellboy” a cousa promete. Porén, a película defrauda un pouco. A dirección é boa, con esa obsesión case enfermiza que ten o director mexicano polos detalles. Acompañan uns excelentes efectos especiais aderezados con moita acción e batallas entre os titáns moi logradas, e cuns actores secundarios que elevan o nivel. Non obstante, con todo iso só consegue captar a atención de maneira intermitente. Os actores son pouco coñecidos, iso si, coas habituais colaboracións de Ron Perlman, que desde “Cronos” (1993, Guillermo del Toro) sae case sempre cun papel máis ou menos largo nas súas películas, incluíndo un protagonista absoluto na saga de “Hellboy”, e tamén a do amiguete Santiago Segura. Os demais aportan moito músculo e pouca cabeza ao estilo de “Starship Troopers” (1997, Paul Verhoeven), pero sen tanta mala baba como aquela.

A trama, do propio director xunto con Travis Beachman, pretende ter un fondo psicolóxico pero apenas se sustenta en catro características básicas e con pouca substancia. Os diálogos teñen algún toque de chispa, pero funcionan máis ben cando saen os secundarios e fanse cansos cando pretenden a típica solemnidade ianqui de salvar o mundo. Polo demais é unha digna homenaxe ás películas xaponeses de kaijus e mecha, que tanto éxito acadaron entre os 50 e os 70 e que influenciaron todo tipo de merchandising, cómics, debuxos animados e que permanecen na memoria colectiva de máis de unha xeración. De feito, Guillermo del Toro confesouse un namorado das súas influenzas, pero tratou de non facer referencias directas, senón de crear algo orixinal honrando á beleza artesanal, a épica e a inxenuidade daqueles filmes. Logra transmitir ese espírito un tanto infantil e case nos fai querer xogar con monstros, pero dubido que cale profundamente nunha xeración tal e como pretendían. Esperábase máis deste proxecto, aínda así trátase dunha boa película de ciencia ficción con toques apocalípticos que entretén o suficiente como para querer mirala en pantalla grande. Non recomendo perder os títulos de crédito final dedicados ao xenio da stop-motion Ray Harryhausen, finado recentemente, e a Ishiro Honda, director xaponés que revitalizou as películas daikaiju dándolle un toque persoal que quedaría como base do xénero. Toda unha declaración de intencións.

Máis en Artes Escénicas
Comentarios