Crítica de cinema: Old Boy

É sexta feira. Coma cada semana, eis a crítica que nos achega Andrés Castro. Desta volta arredor do filme dirixido polo cineasta estadounidense, Spike Lee.

OLD BOY 
Ano: 2013
Duración: 104 min.
Nacionalidade: Estados Unidos
Director: Spike Lee
Guión: Mark Protosevich
Fotografía: Sean Bobbitt
Música: Roque Baños
Reparto: Josh Brolin, Sharlto Copley, Samuel L. Jackson, Elizabeth Olsen, Michael Imperioli, James Ransone, Lance Reddick, Pom Klementieff, Victoria Geil

SINOPSE
Tras unha mala noite de alcohol Joe Doucett (Josh Brolin) esperta nunha habitación da que non pode saír sen saber ónde se atopa nin por qué está retido. Permanece encerrado durante 20 longos anos nos que escribe cartas mentres exercita corpo e mente. Un día o liberan sen motivo aparente e comeza unha obsesiva busca por atopar aos responsables do seu cativerio.

CRÍTICA
Cando se estrea un remake non se pode evitar pensar na falla de ideas de Hollywood. E cando faise dunha película coreana de seguro que ven á mente a famosa adaptación de Martin Scorsese (“Infiltrados”), gañadora de varios Óscars, que adaptaba a súa vez outra película surcoreana de grande éxito (“Infernal Affairs”). Non hai que chegar a recorrer á comparación Scorsese–Spike Lee, xa que o director da orixinal “Oldboy”, Park Chang-wook, ten a suficiente entidade e categoría no panorama internacional e tamén varios premios en Cannes, Sitges e outra morea de festivais ás súas costas. Aquel “Oldboy” de 2003, que á súa vez adaptaba un famoso manga, completaba unha peculiar triloxía sobre a vinganza (xunto con “Sympathy por Mr. Vengeance” e “Sympathy for Lady Vengeance”), e ao mesmo tempo convertía ao director surcoreano nunha entidade cinéfila propia a ter moi en conta.

Despois veu “Son un cyborg” e, xa en Hollywood, “Stoker”; auténticas marabillas que rompen co modo narrativo establecido. Spike Lee ten feito tamén xoias coma “Summer of Sam” ou “A última noite”, pero levaba un par de lustros enlamado en filmes para televisión e documentais, así que non hai que ser moi espelido para decatarse que con este remake de encargo pretendeu saír desa dinámica como medida de retorno á palestra do cinema. Unha boa historia apenas coñecida polo gran público non era a priori unha mala elección. Tamén rodeouse dun equipo técnico contrastado: guión de Mark Protosevich (“A cela” de Tarsem Singh), fotografía de Sean Bobbitt (“12 anos de escravitude”) e música do murciano Roque Baños (“Cela 211”). Pero o conto non lle saíu coma pensaba. Salvando as distancias, pásalle algo parecido ao que lle pasou a Gus van Sant cando tratou de adaptar “Psicose” en 1998. 

E repito: salvando as distancias… De facto os remakes soen ser absolutamente innecesarios, pero hai algúns en concreto que se antollan arriscados de máis por creren que van superar o orixinal. Iso destapa certa presuntuosidade por parte de certos directores que deciden abordar empresas de tal calibre. Spike Lee veuse coa suficiente confianza, iso hónralle, pero non atinou coas formas. A súa reinterpretación da historia perde á sutileza e o gancho da orixinal e se achega máis ao thriller tipicamente americano. Fai unha exercicio de estilo deconstruído como se fora un grande chef, pero quédalle unha simple hamburguesa con patacas: delicatessen convertida en comida rápida. Ben é certo que haberá xente que non coñeza a película orixinal de Park Chang-wook. Neste suposto o filme pareceralles interesante, a pesar de certa dirección incriblemente torpe que a veces parece máis un anuncio de Google ou iPhone. Ten un final que sorprende e loxicamente a historia que conta é suficientemente boa como para entreter.

En calquera caso a pretendida interpretación abafante de Josh Brolin, que fai dun home que pasa case 20 anos encerrado nunha habitación, non chega a transmitirse na pantalla. Samuel L. Jackson, de carceleiro, está de traca cunha pintiña máis para a súa peculiar galería de caracterizacións­. E a Sharlto Copley (“Elysium”) cáelle un papel de malo do ceo que rexeitou xente coma Christian Bale ou Clive Owen. Sae tamén a irmá das xemelgas Olsen que, xunto con Copley, son do máis destacado do filme, por destacar algo. Obra de culto convertida en aceptable thriller para padais pouco esixentes. Spike Lee cumpre expediente e tampouco se lle pode esixir máis. Pasou practicamente desapercibida pola carteleira, pero ben vale se serve para que alguén se interese polo “Oldboy” de Park Chang-wook (e de paso toda a súa filmografía). Iso si, as comparacións son odiosas.

 

Máis en Artes Escénicas
Comentarios