Crítica de cinema: 'A muller do quinto'

Como cada sexta feira, Andrés Castro achéganos unha crítica cinematográfica de cara á fin de semana. Desta volta, La femme du vème, de Pawel Pawlikowski. 

Título orixinal: La femme du vème
Ano: 2011
Duración: 84 min.
Nacionalidade: Francia
Director: Pawel Pawlikowski
Guión: Pawel Pawlikowski
Fotografía: Ryszard Lenczewski
Música: Max de Wardener
Reparto: Ethan Hawke, Kristin Scott Thomas, Joanna Kulig, Samir Guesmi, Delphine Chuillot, Mamadou Minte, Geoffrey Carey, Julie Papillon

SINOPSE
Tom Ricks (Ethan Hawke) é un profesor de universidade que tras perder o seu traballo debido a un escándalo decide viaxar a París para ver a súa filla pequena. Tras a negativa da súa ex-muller vese obrigado a hospedarse nunha pensión dos suburbios. Nunha festa de escritores coñece a Margit (Kristin Scott Thomas), unha bela e misteriosa tradutora coa que comeza unha turbia relación. Pero Margit non é a persoa que semella ser.

CRÍTICA
Aínda que non é unha estrea propiamente dita xa que se puido ver no seu momento no Festival de Xixón de 2011, chegou ás carteleiras o pasado fin de semana “A muller do quinto”, unha coprodución francesa-polaca-inglesa dirixida polo polaco, afincado en Francia, Pawel Pawlikoski, baseada nun libro do norteamericano de raíces irlandesas Douglas Kennedy e protagonizada polo texano Ethan Hawke. A priori parece toda unha rareza en toda regra que chamará á atención sobre todo aos buscadores de cinema fora dos blockbusters habituais. E a primeira vista é. Pero tamén a primeira pregunta que ven á cabeza é: a que se debe tanto retraso? A película é do 2011... xa choveu, non? Vemos no reparto a Kristin Scott Thomas, que xa desde hai uns cantos anos está asociada ao cinema francés (“Lúas de fel”, “Na casa”, “Solo Deus perdoa”) pero… que pinta Ethan  Hawke?

En fin, unha rareza apetitosa para mentes inquedas. Porén imos tratar de analizar a cousa para que quen decida ir a vela, fágao con coñecemento de causa e non se leve un chasco, que para iso estamos... Vai con algún que outro spoiler. A cousa comeza un pouco apresurada: Tom Ricks (Ethan Hawke) é un profesor de universidade norteamericano que chega a París para tratar de recuperar a súa filla.

Pero a ex non está moi conforme e sae escopeteado da casa. Monta en bus e queda durmido. Mánganlle as maletas. Decide entrar nun antro a tomar un café cos poucos cartos que lle quedan, e como parece que lle mola o tugurio decide hospedarse. A pensión está rexentada por Sezer (Samir Guesmi) un tipo de que xa se lle ve á legua que non é moi de fiar, pero Tom non dubida en darlle o pasaporte a cambio dunha habitación. E todo isto no comezo. É o que se denomina en argot: “unha presentación de personaxes a todo correr”.

Logo Tom recala nunha biblioteca e pronto é invitado a unha festa literaria onde coñece a Margit (Kristin Scott Thomas), a muller do título, e aquí a cousa comeza a liarse de mala maneira. A partires de aquí non vou seguir desvelando a trama por se alguén decide botarlle un ollo. Unha trama un tanto confusa con guión do propio Pawlikowski que trata de desenrolar a novela de Kennedy en imaxes, tratando de transmitir as revoltas da mente humana nese liña confusa que hai entre a cordura e a tolemia.

A trama non se acaba de entender moi ben, e de seguro que esa foi a intención co gallo de facer sentir ao público o funcionamento dunha mente enferma, pero non acaba de ir nin nun sentido nin noutro, quedando o resultado bastante frouxo e confuso. Sobre todo non se entenden as motivacións e conflitos dunhas personaxes indefinidas e incompletas. Porén ten uns actores solventes aos que se lles agradece o esforzo que poñen dar un mínimo de credibilidade o conto. Fixo que foi un verdadeiro reto.

Iso si, ten unha factura elegante e unha atmosfera propia dun film noir que comeza coma unha especie de “Frenético” e acaba sendo unha sorte de “Mullholland Drive” de saldo. Película minoritaria para amantes de rarezas. Carne de festival (e de videoclube) que, aínda que é de agradecer que cheguen películas fora do circuíto habitual de películas comerciais, é moi probable que non dure máis dun asalto na carteleira.

Máis en Artes Escénicas
Comentarios