Crítica de cinema: 'O grande Hotel Budapest'

Coma cada sexta feira eis a crítica de cinema que nos achega Andrés Castro. Desta volta, un filme de Wes Anderson que recibiu o Grande Premio do Xurado na Berlinale: 'O grande Hotel Budapest'.

hotel

O GRANDE HOTEL BUDAPEST
Ano: 2014
Duración: 100 min.
Nacionalidade: Estados Unidos
Director: Wes Anderson
Guión: Wes Anderson
Fotografía: Robert D. Yeoman
Música: Alexandre Desplat
Reparto: Ralph Fiennes, Tony Revolori, Willem Dafoe, Saorsie Ronan, F. Murray Abraham, Adrien Brody, Jeff Goldblum, Edward Norton, Bill Murray, Jude Law, Harvey Keitel, Tilda Swinton, Mathieu Amalric, Jason Schwartzman, Tom Wilkinson, Larry Pine, Léa Seydoux, Bob Balaban, Owen Wilson, Fisher Stevens, Waris Ahluwalia

SINOPSE
Zero Moustafá (Tony Revolori) entra a traballar coma botóns do Grande Hotel Budapest. Pronto convértese no protexido de Gustav H. (Ralph Fiennes), o mítico xerente do Hotel, de trato excelente cos hóspedes, en especial coas clientes de avanzada idade. A cousa complícase cando unha cliente morre e lle deixa en herdanza un prezado cadro renacentista de valor incalculable, cousa que a familia máis directa non está disposta a tolerar.

CRÍTICA
Hai ocasións en que nomear a un director provoca que se vaia de cabeza a ver a súa última estrea. Isto é algo que comeza a pasarlle a Wes Anderson que, de ir tendo a un público minoritario nos seus comezos grazas a “Os Tenenbaums”, “Life Aquatic” ou “Viaxe a Darjeeling”, bastante incomprendidas no momento pero que ían apuntando unha gran imaxinación, comezou a ampliar o seu público coa película de stop-motion “Fantástico Mr. Fox” que supuxo un golpe de efecto na súa carreira, e que afianzou xa con “Moonrise Kingdom”, que contaba unha encantadora historia sobre a adolescencia. 

Como naquela, en “O Grande Hotel Budapest” amais de contar con actores de renome e co reparto habitual que o acostuman acompañar en practicamente toda a súa filmografía (Jason Schwartzman, Bill Murray ou Owen Wilson), tamén lle pillou o gusto de descubrir novas facianas para as súas películas ao contar coa participación de protagonistas adolescentes. Se en “Moonrise Kingdom” deulle o papel protagonista a un descoñecido e pálido Jared Gilman, aquí optou por outro non moito máis vello de nome Tony Revolori, de ascendencia guatemalteca, pero de exóticos trazos que ben poden facer pasar por hindú ou árabe. Fai o papel de Zero Mustafá, un botóns dun famoso hotel en época de entreguerras que pronto se converte no aprendiz do xerente Gustav H. (Ralph Fiennes), un home que ten unha sensibilidade e un saber estar que o fan destacar no seu traballo e tamén gañar os favores de moitas das damas de alta sociedade que pasan polo hotel. 

Cando a anciá e viúva Madame D. (Tilda Swinton) morre, cédelle unha herdanza moi valiosa, pero a familia, con Adrien Brody e Willem Dafoe á fronte, non están dispostos a compartila cun descoñecido. A partires de aquí a comedia está servida señoras e señores. Ademais de destacar polo reparto de luxo sobresae e chama a atención o gusto que ten Wes Anderson pola simetría en practicamente todos os planos. Tamén nos saltos temporais en lugar de usar o manido branco e negro ou cambio de tonalidade, recorre a un orixinal cambio de formato na relación de aspecto da pantalla pasando de panorámico a 16:9 ou 3:4 segundo a época na que se nos narran os acontecementos. 

"Ademais de destacar polo reparto de luxo sobresae e chama a atención o gusto que ten Wes Anderson pola simetría en practicamente todos os planos"

Así que cando recala nos anos 30 (o groso do filme), a pantalla tórnase case nun cadrado. Formato no que Anderson pode dar renda solta con maior facilidade á súa obsesión polas simetrías. Un tema digno de estudo en profundidade que deixaremos para outra ocasión. A película foi rodada en Alemaña para representar mellor a Europa Central onde se desenvolve a historia e onde Anderson dá renda solta ao seu universo persoal apoiado nun deseño de produción coidadísimo que non dubida en facer uso tanto de maquetas coma da stop-motion non en poucas secuencias. Iso si, vai pulindo a técnica e logra que estes momentos pasen case desapercibidos e encaixen perfectamente na trama. Wes Anderson segue na liga dos Michel Gondry e Spike Jonze, directores de gran sensibilidade e extraordinaria imaxinería visual. 

Continúa a facer o que lle peta e pouco a pouco vai pulindo dirección e os guións. “O Grande Hotel Budapest” aínda que é algo menos redonda que a súa predecesora “Moonrise Kingdom”, é unha auténtica delicia visual, cun guión excelente e do melloriño que se pode ver na carteleira. Obtivo o Gran Premio do Xurado na Berlinale e de seguro que non é o derradeiro premio que acada este ano. Comedia coral con momentos hilarantes, case sempre protagonizados por un esaxeradísimo Dafoe, onde predomina máis o ton simpático e humor intelixente deses que fan saír do cinema cun enorme sorriso. Por certo, non se perdan os créditos finais que paga a pena quedarse na butaca ata que apaguen o proxector. Avisados quedan...

Máis en Artes Escénicas
Comentarios