Crítica de cinema: 'Cando todo está perdido'

Que facer cando todo está perdido no medio do mar? Como cada sexta, eis a proposta de cinema que nos achega Andrés Castro. 

CANDO TODO ESTÁ PERDIDO
Título orixinal: All is Lost
Ano: 2013
Duración: 106 min.
Nacinalidade: Estados Unidos
Director: J.C. Chandor
Guión: J.C. Chandor
Fotografía: Frank G. DeMarco
Música: Alex Ebert
Reparto: Robert Redford

SINOPSE
Tras unha colisión cun contenedor, o casco dun veleiro queda gravemente averiado. O tripulante (Robert Redford) fará todo o posible por reparar a embarcación a pesar das inclemenzas do tempo, os tabeiróns e as escasas reservas. Unha loita a vida e morte entre un home e o mar.

CRÍTICA

Un home só no mar, á deriva, sen poder comunicarse con ninguén, sen auga, sen víveres e con poucas esperanzas de saír con vida. E ese home é nada máis e nada menos que Robert Redford. Arriscada aposta do case octoxenario actor estadounidense, non só pola exixencia física que supón unha película así, senón tamén pola temática e as formas. Algo máis de hora e media de duración onde apenas articula un par de palabras, nin sequera para maldicir, tendo que transmitir practicamente todo só con accións e xestos.

Trátase máis dunha película de aventuras vista desde unha perspectiva existencial e intimista

O soño de calquera actor que invoque aos clásicos. Comeza dando un pequeno speech pedindo perdón, e logo pouco máis sae dos seus beizos. Unha aposta case suicida, pero que de seguro elixiu polo reto persoal que iso supuña e pola orixinalidade do proxecto. Lembra a “A vida de Pi”, pero sen tigre, e sen a espectacularidade da película de Ang Lee. E tamén pode lembrar a unha situación parecida, pero no espazo, que sufriu este mesmo ano pasado, Sandra Bullock na impresionante “Gravity” de Alfonso Cuarón. 

Na de Redford non hai tantos efectos especiais nin por asomo. Trátase máis dunha película de aventuras vista desde unha perspectiva existencial e intimista. Un home que perde todo pero que segue loitando onde moitos tirarían a toalla. O vello contra o mar. Simple, honesta e sen artificios. Nin sequera hai música, apenas... A sensación de soidade e case abafante. O son do mar, da madeira quebrada e o vento son apenas os compañeiros de viaxe que acompañan ao protagonista. E a pesar diso, a minimalista banda sonora de Alex Ebert, usada en contadas ocasións, acadou o Globo de Ouro na recente última edición destes galardóns. Agradécese moito o esforzo físico e interpretativo de Redford. De feito unha película tan mínima non chegaría ao gran público sen a súa presenza. 

E iso nos tempos que corren de películas 3D e demais, é xa unha pequena vitoria para o cinema. Redford carga con todo o peso da película nas súas costas e pódese dicir que sae moi ben parado. Mantén unha forma física envexable para a súa avanzada idade pero o certo é que non aguanta moi ben os primeiros planos, quizá por mor das operacións de estética que lle borraron un punto de expresividade. Iso si, nos planos medios e xerais está xenial. Na dirección J.C. Chandor, coa segunda incursión no cine tras “Margin Call” no 2011, que obtivo moi boa acollida por parte da crítica. Firma tamén o guión polo que se intúen uns amplos coñecementos mariños. 

Dá toda unha lección maxistral de cómo sobrevivir en alta mar dando detalles minuciosos de navegación case imperceptibles para neófitos pero que os que teñan algún coñecemento saberán valorar. De seguro converterase en cinta de referencia nas academias náuticas. Película minoritaria para o gran público por obra e graza dun renacido Robert Redford. Volveremos a velo este mesmo ano na segunda parte do Capitán América… Unha de cal e outra de area Sundance Kid?

Máis en Artes Escénicas
Comentarios