Córgomo recupera o teatro


Pasaron catro anos desde a última edición das 'Xornadas teatrais' que revitalizaron a parroquia. O regreso leva o nome de Proxecto Cultural "En construcción" e parte tamén do activista Anxo Baranga e a xente nova de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras).
Proxecto teatral En Construcción de Córgomo

Veciñas e veciños de Córgomo viviron o teatro como algo propio e participativo as oito edicións que se celebraron das 'Xornadas teatrais' e que se deixaron de facer en 2008. Aquel espírito do teatro popular que conseguiu transcender entre a poboación de Valdeorras a partir de 2001 fixo que agora convivan cinco novas formacións teatrais aficionadas que o 24 de xullo poderán compartir escenario no lugar onde todo comezou. A iniciativa partiu outra vez da mesma persoa, o activista cultural Anxo Baranga, un corgomés afincado en Barcelona que ademais da súa actividade co grupo Furafollas Agrupación Teatral ten unha longa traxectoria como pintor.

Nesta nova andaina participarán o día 24 de xullo os grupos teatrais Arcos Teatro (Arcos), Asociación de Veciños de Vilamartín Xaime Prada, Pisabarros de Vergamuiños, Gargallada de O Barco de Valdeorras, A Rúada de A Rúa e Córgomo Teatro. A duración das pezas de cada grupo será breve posto que, segundo explica Anxo Baranga, "o espectáculo non debería levarnos máis de unha hora". Comezará ás 23:00 horas horas diante mesmo da casa de Baranga, agora decorada con caras de persoeiros e persoeiras de Galiza, outros dos atractivos que ten asistir este ano ao retorno do teatro a Córgomo.

“En Córgomo estamos poñendo os alicerces dunha nova xeración de galegos e galegas", asegura Baranga, "novos cidadáns dun mundo en continua transformación", engade. Recuperar o teatro para Córgomo non sería posíbel sen a colaboración do resto de agrupacións teatrais de Valdeorras, persoas que senten o teatro e que contan con poucos recursos para levar a cabo as súas actividades. Sobre este tema Baranga demostra con este novo proxecto que é posíbel realizar actividades cun orzamento reducido. "Aproveitamos experiencias anteriores", asegura Baranga.

Manolo Caramés, membro do grupo de teatro Gargallada de O Barco que tamén participará na nova experiencia de Córgomo, conta como medraron nos últimos anos os grupos de teatro afeccionado na comarca. "Nós mesmos xurdimos despois dun obradoiro organizo polo concello e na Rúa organizan un encontro de grupos da zona". No seu caso a experiencia é tan positiva que estes meses teñen varias actuacións con obras para o público infantil e tamén familiar. "O mes vindeiro estaremos en Sarria con dúas obras, nunha delas con participación dos grupos de música rock e folk de Valdeorras", comenta.    

Máis en Artes Escénicas
Comentarios