'Byzantium', unha de vampiros para esta fin de semana

Un ruinoso hotel é o lugar en que se desenvolve esta historia de vampiros traída aos tempos modernos por volta da cal ofrecemos esta crítica de cinema.

Byzantium_dentro
photo_camera Byzantium_dentro

Ano: 2012
Duración: 118 min.
Nacionalidade: Reino Unido
Director: Neil Jordan
Guión: Moira Buffini
Fotografía: Sean Bobbitt
Música: Javier Navarrete
Reparto: Saorsie Ronan, Gemma Aterton, Jonny Lee Miller, Sam Riley, Tom Hollander, Caleb Landry Jones, Gabriela Marcinkova, Daniel Mays
 

SINOPSE

Eleanor (Saorsie Ronan) é unha adolescente que escribe cartas que contan un pasado escuro pero que non lle da a ler a ninguén. Cando Clara (Gemma Aterton), a súa titora legal, comete un brutal asasinato teñen que fuxir e chegan a un porto pesqueiro onde coñecen a Noel (Daniel Mays), un solitario xerente do ruinoso e abandonado hotel Byzantium.

Clara convence a Noel para rehabilitar o hotel e darlle un novo uso que lles proporcionará os cartos que precisan, pero os seus plans vanse ver truncados por unha antiga irmandade que anda na súa procura por unha conta pendente de hai máis anos dos que aparentan.

CRÍTICA

Estrea deste fin de semana dunha de vampiros, aínda que cunha volta de rosca. “Byzantium” pretende aportar un punto novidoso e diferente ao mito clásico dos vampiros: aquí non lles afecta a luz do sol e no lugar de cairos longos, sáenlle unhas tremendas unllas. O guión da británica Moira Buffini adapta a súa propia peza “A Vampire Story”. Trata dunha irmandade de seres que se tornan inmortais tras visitar unha misteriosa illa e para sobrevivir teñen que alimentarse de sangue, aínda que non de calquera vale. Todos os integrantes da irmandade son homes pero a principios do século XIX unha muller rompe coa norma para así salvar á súa filla. 

Para non ser sacrificada pola irmandade vai ter que fuxir durante séculos. A película é unha especie de versión feminina de “Entrevista co vampiro”, que xa dirixira o propio Neil Jordan en 1994, mesturada con “Déixame entrar” (2008, Tomas Alfredson) e con toques filosóficos que xogan co famoso mito da caverna de Platón. Unha adolescente mediante a súa prosa trata de describir ao mundo ignorante a realidade que descoñece e ao mesmo tempo trata de “liberar” a aqueles que estean preparados, pero cando o fai, o mundo ignorante tratará de matala cando teña a máis mínima oportunidade.

A similitude coa alegoría da caverna faise patente en que as transformacións acontecen dentro dunha cova e estas, ademais da inmortalidade, proporcionan un novo coñecemento. A estética da rapaza tamén xoga co de carrapuchiña vermella, e tamén se poderían facer varias lecturas. O título fai referencia ao nome do hotel onde Clara (Gemma Aterton) toma o rol de madamme e monta un negocio bastante lucrativo xunto a Noel (Daniel Mays) e a complicidade de Elanor (Saorsie Ronan). 

Ronan está que non para con varias películas a piques de estrearse: o “Noé” de Darren Aronofsky e “O Gran Hotel de Budapest” de Wes Anderson que levou recentemente o Gran Premio do Xurado na Berlinale, e tamén embarcada en proxectos como a primeira película de Ryan Gosling como director (“How to Catch a Monster”) ou unha película na que se porá na pel da raíña María Estuardo de Escocia.

Unha actriz moi versátil a que prevéselle un grande futuro. Xunto a Ronan está unha voluptuosa Gemma Aterton que coas súas curvas é capaz de que lle cedan un hotel ou facer cambiar as prioridades dun firme membro dunha irmandade ancestral que os persegue. No reparto masculino destacan os británicos Johnny Lee Milller (“Drácula 2001”), Sam Riley (“Control”) ou Tom Hollander (“Piratas do Caribe”). A fotografía vai a cargo de Sean Bobbitt (“12 anos de escravitude”, “Old Boy”) que lle da un aire un neogótico a base de tonalidades saturadas, e na banda sonora atopamos ao turolense Javier Navarrete (“O laberinto do Fauno”, “O espiñazo do diaño”) cunha música clásica que se mestura á perfección co “Claro de Luna” de Debussy e pezas de Schubert. 

Todo isto xunto cun apartado técnico de efectos especiais moi logrados, aínda que sen abusar deles, e un coidado deseño de produción, dálle á película una factura impecable e que conta coa inestimable dirección do irlandés Neil Jordan. Aguántase a primeira hora con bastante interese pero vai paseniñamente decaendo a medida que se van descubrindo os enredos da trama. O filme é interesante sen máis. Recomendada sobre todo para seguidores do xénero que queiran ver unha de vampiros distinta ao habitual e cun toque british.

Máis en Artes Escénicas
Comentarios