martes 21.01.2020
CHéVERE, PREMIO NACIONAL

Broche de ouro para a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia

Rematou a 31ª edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia cun “gran suceso social, artístico e económico” e cun festival consolidado mais en “permanente evolución”.

mit
mit

A 31ª edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia chegou ao seu fin coa publicación dos premios outorgados polo público, cuxo primeiro galardón foi parar a Como si pasara un tren, escrito e dirixido polas arxentinas Lorena Romanín e Adriana Roffi. Como gañadora, a compañía recibirá o convite a participar na edición de 2016 en caso de dispor de nova produción.

En segundo lugar, o público situou La Merda, espectáculo italiano que obtivo un gran suceso tamén da crítica, que valorou o traballo como “memorábel, impecábel, imperdíbel e celebrado con case dez minutos de ovacións encendidas en pé de todo o Auditorio”.

O terceiro posto foi para Chévere, que conseguiu o Premio Nacional de Teatro co seu popular docu-musical As fillas bravas. En cuarto lugar ficou La imaginación del futuro, obra que pretende realizar unha reflexión crítica sobre  a clase política e a violencia en Chile.

A organización celebra a asistencia desta 31ª edición, que superou as 14.000 persoas entre os espectáculos do Castelo, os do Club Artístico, Casa da Cultura, Xardíns do pequeno Auditorio, Ruadavia, programa SputMIT, Foros da MIT e a exposición da Igrexa da Madalena.

A MIT informa de que abrirá un arquivo na súa páxina web con todo o material audiovisual, para que todas as persoas interesadas poidan facer uso das gravacións dos foros, “unha das novidades desta edición que se fixarán para o futuro como ferramenta indispensábel para a mediación, a ampliación e o fomento da análise e do achegamento lúdico ao pensamento e ao debate arredor da arte dramática e dos seus axentes creativos”.

comentarios