Crítica de cinema: Os bolseiros. Demasiado pouco, até para os menos exixentes

Vince Vaughn e Owen Wilson fan de dous perdedores que tratan de encamiñar o seu futuro na empresa Google sen entender papa de informática. O que a priori pode ser gracioso non ten apenas graza. É unha película plana e previsible con toques de comedia lixeira

Título orixinal: The Internship

Ano: 2013
Duración: 119 min.
País: Estados Unidos
Director: Shawn Levy
Guión: Vince Vaughn
Música: Christophe Beck
Fotografía: Jonathan Brown
Reparto: Owen Wilson, Vince Vaughn, Rose Byrne, John Goodman, Max Minghella, Aasif Mandvi, Tyra Sircar, Will Ferrell 

SINOPSE
Dous comerciais corentóns perden o emprego. No canto de seguir no mundo comercial con outros empregos miserentos do mesmo estilo deciden cambiar radicalmente as súas aspiracións e se anotan nun programa de prácticas para a empresa Google. O camiño para acadar un posto de traballo non será fácil porque terán que competir con universitarios expertos en informática mentres que eles aínda viven ancorados nos oitenta.

CRÍTICA
Vince Vaughn e Owen Wilson xa coincidiran en varias películas pero tras “De voda en voda” (2005, David Dobkin) e máis esta, parece que estamos ante a nova parella cómica de Hollywood. Nada que ver co gordo e o fraco, a parella Vaughn/Wilson son máis ben un longueirón e un paspán de ollar difuso e nariz imposible, e lonxe de ser un mero detalle físico a verdade e que fan moita menos divertidos que Laurel e Hardy. Nesta ocasión fan de dous perdedores que tratan de encamiñar o seu futuro na empresa Google sen entender papa de informática. O que a priori pode ser gracioso non ten apenas graza. É unha película plana e previsible con toques de comedia lixeira. Lembra moito a “Monstros University” por como descorre a historia. Incluso as personaxes teñen un aire: un tipo grande e outro pequerrecho.

O guión é do propio Vince Vaughn que xa colaborara no de “Todo incluído” (2009, Peter Billingstein), outra comedia menor, pero desta vez en solitario. Un guión cheo de clichés, plano e absolutamente previsible. Todo apunta a que ese traballo quédalle incluso máis grande que o de actor. Aquí os protagonistas son dous comerciais que viven dos recordos dos oitenta. Practicamente monotemática referencia á película Flash Dance metida con calzador mesturada con charlas de motivación de saldo e referencias a X-Men ou a Harry Potter, intentando subliñar as diferenzas xeracionais entre os protagonistas e os demais bolseiros vinteañeiros. Facendo un pouco de spoiler, unha das escenas máis rechamantes é a do partido de quidditch, o xogo estrela da saga de Harry Potter, cunha patética aparición ao final do partido da famosa pelota dourada representada por un fulano disfrazado de burbulla de Freixenet. Nese momento desexas que pronto aparezan os títulos de crédito.

Moita insistencia na trama de que a pesar das carencias en tecnoloxía das personaxes coa verborrea de comerciais poden vender ata un xeado no Polo Norte fai pensar, tras a metade de filme, que precisamente acaban de vendernos a moto. En calquera caso algo interesante ten a película que é que os traballadores de Google no mundo real teñen eses privilexios que se ven na pantalla: comida gratis, sala de xogos, actividades lúdicas frikis, e demais.

Pero isto sumado a un par de sketches medianamente logrados, un deles a cargo dun extravagante Will Ferrell de perilla, en dúas horas eternas de película penso que é demasiado pouco que ofrecer nin sequera para os menos exixentes.  

Máis en Artes Escénicas
Comentarios