A Regadeira de Adela: microteatro para andar na casa

Son profesionais mais o seu escenario non é unha grande sala de teatro senón un roupeiro que non chega aos 8 metros cadrados. É a Regadeira de Adela, unha Microcasa de Artes que ofrece en Compostela unha alternativa cultural

Antón Coucheiro, Olalla Tesouro e Alfonso Medina son A Regadeira de Adela.

Actriz, actor e malabarista recuperaron na capital galega un teatro alternativo que xa desenvolvera en tempos da ditadura Adela Steiner, unha galega de pai checo que foi "pioneira nas representacións artísticas en casas para público reducido".

Xunto co poeta chileno Diego Rego, Adela fundou nos anos 50 o 'movemento da Regadera'. Un formato teatral que partía da base de que o teatro, como a auga, pode adoptar calquera forma en función do recipiente en que se desenvolva e serve para regar as ideas ou mesmo para as afogar.

Coa recuperación da súa memoria no albo, xurde este proxecto. Unha Microcasa de Artes que "vén a ofrecer unha nova experiencia cultural" a través da representación de pequenas pezas de teatro, maxia, danza, circo, improvisación ou performance. Mais nun pequeno piso do casco histórico da cidade e por un tempo de 15 minutos. 

As pezas teatrais decorren en calquera dos cuartos que compoñen a casa e por un tempo de 15 minutos

O roupeiro, o salón, as escaleiras ou o baño convértense no escenario da man de José Perozo, decorador e ambientador da Regadeira de Adela. Unha viaxe aos anos 20 que nos mergulla en espectáculos teatras de proximidade. A escasos centímetros da personaxe, o público experimenta sensacións que non se dan nun auditorio. Porén, tamén hai cabida para a exposición de obras plásticas e o desenvolvemento de performas ou microcursos de improvisación e outras artes escénicas. 

Embora Adela Steiner iniciara este formato teatral na Galiza durante os anos da posguerra, o certo é que se trata dunha modalidade pouco habitual no noso país mais que xa conta con outros emprazamentos na Coruña (La Truerka 27) e Cangas (Microteatro por Casa).

Máis en Artes Escénicas
Comentarios