A Mostra de Teatro de Cee baixa o pano

A imaxe do cartel que fixo Dani Trillo para esta edición é ben explícita: unha persiana metálica co graffiti "Fin", cunha bosta pondo o punto sobre o "i". Despois de 25 anos, o que era un dos eventos teatrais referenciais do verán galego despídese das táboas. Terá lugar do 23 ao 26 de agosto, con cinco funcións diarias.

Na súa exitosa Bicos con lingua, os actores Artur Trillo e Toño Casais, de Talía Teatro, tentaban resucitar a lingua galega, deitada sobre unha mesa de operacións. Agora é a Mostra de Teatro de Cee a que esmorece, e Talía houbo tomar unha decisión drástica: practicarlle a eutanasia. O xoves, Trillo e Casais presentaron a derradeira Mostra, xunto coa alcaldesa de Cee, Zaira Rodríguez, a concelleira de Cultura, Mª José Fandiño, e o director de Ferroatlántica, Carlos Oliete.

O atraso dos pagamentos das axudas da AGADIC a festivais, e as condicións que exixe para as concederen, a ausencia de infraestruturas (levan doce anos á espera do auditorio da Casa da Cultura), ou a débeda que ten coa compañía o anterior alcalde, de 3.000 euros, son algunhas das causas que minaron un equipo que leva desde o 98 organizando este acontecemento na Costa da Morte. Quixeron agradecer, con todo, apoios coma o de José Cañizo, Miro Villar, a Asociación Domingo Antonio Andrade, e o económico do Grupo Insua e de Ferroatlántica, que cofinanciou co Concello a Mostra (achegando 5.000 euros cada un).

Dezanove compañías participan nesta derradeira edición da Mostra, en cinco funcións diarias: a propia Talía Teatro pechará a mostra con Pelos na lingua, e presentará o espectáculo para público infantil Pequena o día 23. Tamén ese día se estrea Cipriano de Bequelar, da compañía Carrachanacha, e actuarán Tres Globos, Lady Maharet, e o conta contos Celso Fernández Sanmartín. Nos días seguintes haberá espectáculos de rúa, contadas e funcións no Auditorio do Concello, repartidas en catro seccións: Infantil, Rúa cuberta, Noite e A deshora.

Participan Cachirulo, Ghazafellos, Caramuxo, Teterella, Teatro do Lume, Quico Cadaval, Tirita Producións, Pablísimo, Peter Punk, As sircópatas, Os 7 magníficos + 1, Traspediante, Isla Le Triska ou o belga Rudi Rudi. As entradas custan tres euros para as funcións nocturnas e dous para as de "A deshora", aínda que se pode adquirir un abono de 15 euros.

Máis en Artes Escénicas
Comentarios