A vida antes do asolagamento

En 1992 catro aldeas de Lobios desapareceron baixo a auga dun encoro. Pero alguén conservou en imaxes a vida daqueles últimos anos e agora convértense nun documental que se estrea este sábado en Cineuropa. 

osdiasafogados
photo_camera Os días afogados

A aldea de Aceredo (Lobios, Ourense) e outras tres máis desapareceron debaixo da auga en 1992. Os veciños tiveron que deixar as súas casas, pero un deles retratou coa súa videocámara aqueles días de esmorecemento e loita que volven agora a nós a través do filme 'Os días afogados', que se estrea este sábado 7 en Cineuropa. 

Todo xurdiu a raíz dunha reportaxe para a TVG a finais de 2013. César Souto, xornalista e codirector do filme, fora alá facer unha peza para a televisión pública. Había bastante seca e unha das aldeas emerxeu por riba das augas. A historia cautivouno e turrou por el a curiosidade, que o levou a coñecer a Paco Vilallonga, un veciño que tiña imaxes gravadas por el da vida anterior nas catro aldeas anegadas.

“Paco tiña imaxes dos últimos veciños das aldeas e nelas contábase a historia de cada casa. Alí vin que había algo moi potente máis alá da reportaxe para a TVG”, afirma un Souto que a partir de entón comezou a furar e a investigar. Pasou sete meses preguntando porta a porta na procura de máis imaxes e atopounas. As máis antigas, de 1965 en Super8, gravadas por un emigrado da aldea en Barcelona. 

A fita conta a historia dun conflito que comezou en 1968 cun convenio asinado por Franco e Salazar para aproveitar o río Limia e crear un encoro do Lindoso que comezou a construírse de forma efectiva en 1982. Catro aldeas e 250 veciños puxéronse en loita e, logo de folgas de fame, concentracións e moitos antidisturbios, conseguiron compensacións dignas para as expropiacións. 

Anos despois creouse enriba do encoro unha aldea nova tamén chamada Aceredo. Mais alí a penas foi vivir algún dos vellos veciños, que remataron en Barcelona, Francia, Vigo ou Ourense. “Rompeuse a comunidade, perdeuse completamente”, conclúe Souto.  

Teaser Os días Afogados from Amanita Films on Vimeo.


 

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios