Unha moción do BNG de Vigo esixirá a apertura do Centro Galego de Fotografía

O executivo local vigués alega falta de cartos para manter paradas as obras do Centro Galego de Fotografía. O BNG pedirá no vindeiro pleno que se consiga o financiamento necesario para poder finalizalas.
photo_camera Santiago Domínguez e Iolanda Veloso, do grupo municipal do BNG en Vigo

Hai meses  xa que as obras do Centro Galego de Fotografía, no casco vello vigués, fican paralizadas. A infraestrutura, iniciada en febreiro do pasado ano co BNG aínda no goberno local, tiña como obxectivo albergar o importante legado fotográfico dos arquivos Pacheco, Kasado e Llanos, ademais dos fondos das fotobienais, e contemplaba, ademais, a celebración de exposicións temporais. Agora, rematada a primeira fase da construción, e por acometer aínda as obras no interior das instalacións e a concreción da estrutura de contido, pende sobre o Centro un futuro incerto. O goberno local di que non hai diñeiro para dotalo. O grupo municipal nacionalista reaccionou esixindo a reapertura do Centro nunha moción que presentará no vindeiro pleno.

“Que o goberno local diga que non hai cartos para dotar ao Centro Galego de Fotografía amosa a total falta de planificación do goberno”. Son as verbas do voceiro municipal nacionalista, Santi Domínguez, sorprendido polas declaracións do goberno municipal unha vez xa aprobados os orzamentos municipais.“Deixámoslle todo feito, o edificio, o proxecto e as ideas, para que o Centro Galego de Fotografía se puidera financiar”, insiste Domínguez.

Na moción, o BNG instará ao executivo municipal a que realice as xestións oportunas co Ministerio de Cultura, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra de cara a conseguir os recursos necesarios para dotar ao Centro de equipamento. Pide, ademais, que en caso de non prosperar tales vías, o goberno municipal leve adiante unha modificación orzamentaria que permita dotar ao Centro reducindo doutras partidas como protocolo, publicidade e programas de alcaldía.

A parálise afecta non só ao Centro Fotográfico. Os contratos  das persoas encargadas do mantemento e recuperación do Arquivo Pacheco remataron a finais do ano pasado e non foron renovados. O goberno local prescindiu tamén dos servizos do director, Vítor Vaqueiro. O equipo, agora desmantelado, levara a cabo a dixitalización de 58.000 das 150.000 imaxes que compoñen o arquivo. A concelleira Iolanda Veloso alertou do risco que existe de que se estraguen e da perda patrimonial que isto suporía.

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios