CRíTICA DE ARTE

O silencio de Sandra

Presentamos a obra da artista brasileira Sandra Cinto. "Ao entrares na sala onde está exposta a obra veñen enriba de nós miles de papeis engurrados". 

O silencio de Sandra (2=
photo_camera Imaxe da obra de Sandra Cinto

Fundación Luis Seoane 
Sandra Cinto “En Silencio”  (Instalación) 
Datas: 16 Outubro 2014 - 12 Decembro 2014
Comisario: David Barro

O silencio de Sandra
Temos agora a obra da brasileira Sandra Cinto (Santo André, Brasil 1968) na Fundación Luís Seoane da Coruña.  É unha boa oportunidade para achegarse ao mundo da instalación da arte contemporánea. 

Así como algunhas site-specific  amosan case desleixo, semella doado “instalar” algo nun museo, é colocares elementos, non si?  A peza desta artista é coherente e dunha maneira sutil transmite a mensaxe do seu título. Hai que escoitares o silencio.  Esta inquedanza que propón a artista provén da incapacidade de transmitir, da perda do fío condutor, ou incluso da inspiración. Ao entrares na sala onde está exposta a obra, veñen enriba de nós miles de papeis engurrados, coma os que podemos botar ao refugallo por inservíbeis. Sandra “recolleu” estes papeis e fixo unhas montañas con eles que constitúen o corpo da obra de arte. 

É unha analoxía entre o pensamento do artista e as mil probas que fai no seu silencio no estudio. Se miramos máis de perto, achegados ás montañas, descubrimos que cada papel ten na realidade cinco liñas e que son follas de partituras. Cada partitura posúe un debuxo. No centro da estancia, unha mesa, cunha lus espida. Foi alí onde a artista mais os seus axudantes debuxaron e arrancaron  tódalas partituras?  Agora decatámonos do terceiro elemento da instalación:  un chelo.  O instrumento musical ten a simboloxía da creación artística, mais está calado, sen son, e por riba pálpanse as liñas de Sandra.  

 Cinto:  "A folla de papel coma un espazo cheo de posibilidades. Unha reflexión sobre tempo, espazo, e silencio"  

A artista brasileira provén do ámbito debuxístico, de inmensurábeis ondas nas paredes, e outro tipo de instalacións acumulativas (Encontro das Águas 2012). Semella que hai nestas últimas épocas unha tendencia á facer  no espazo museístico diferentes tipos de  acumulacións (por exemplo o Parque Fluvial Abandoado de Lara Almarcegui no Musac, baseado nos materiais ). 

 Como outros artistas contemporáneos, estas obras interprétanse dende o íntimo mais chegan tamén ao social. A incapacidade de comunicación da artista tamén fala da inquedanza do mundo sumido ás veces, neste caso, nun silencio imposíbel. 
 
A obra de Sandra é unha invitación a non falar por uns intres e apreciar, mellor nos últimos minutos do feche ás  20:00h da Luis Seoane, a lus espida do interior e a negrura do ambiente fóra do museo:  a insistencia do artista por crear.  

Nas propias verbas de Cinto:  A folla de papel coma un espazo cheo de posibilidades. Unha reflexión sobre tempo, espazo, e silencio.                                                                                                          

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios