Regresa Cineuropa con 300 filmes en carteleira

Non é novembro en Compostela sen Cineuropa. E abre a vindeira sexta feira co filme 'Le Nouveau’, comedia francesa que se fixo co premio Novos Realizadores en San Sebastián. 

lenouveau-cineuropa
photo_camera 'Le nouveau'

A XXIX edición do festival celébrase do 6 ao 29 de novembro en cinco salas da cidade (Teatro Principal, Salón Teatro, CGAC, Sede Afundación e Auditorio de Galiza) nas que se poderán ver 158 películas na sección máis oficial ás que hai que sumar 143 que se enmarcan no que denominamos como OFF-Cineuropa., en total 301 filmes. 

Cineuropa premia este ano ao director mexicano Arturo Ripstein, que conta con máis de medio século de traxectoria internacional e ao portugués Miguel Gomes, un dos máis recoñecidos  valores de vangarda do cinema portugués e europeo. 

En total serán 101 filmes organizados en Sección Oficial, Panorama Internacional, Maiores con Reparos, Docs-Cineuropa, Fantastique Compostela, Arturo Ripstein: Tributo e Retrospectiva, Retrospectiva Artur Brauner, Especial Dominik Graf, Lembranzas, Panorama Audiovisual Galego, Disidencias, Proxeccións Especiais e o Maratón. E a isto engádenselle 145 filmes máis no apartado OFF-Cineuropa, dentro do cal se inclúen as seccións Roxos e Marcianos: a caza de Bruxas en Hollywood, Maratón Roxos e Marcianos, Arthur Miller Centenario, Ciclo Amos Kollek, Filmadas en 1965, Cineuropa recomenda-Cine de culto e Docs Music.

Cineuropa brindará esta edición tres lembranzas: as dúas primeiras serán aos premios Cineuropa falecidos este ano, Manuel de Oliveira e Vicente Aranda e a terceira aos multifacéticos creadores galegos Chichi Campos e Toñito Blanco. Ademais, este ano haberá dúas maratóns, un centrado no cinema norteamericano de ciencia ficción de serie B, onde os marcianos eran alter ego dos comunistas; e o xa tradicional maratón transgresor da última fin de semana, de perto de 12 horas.

Premio do público

Trinta e cinco filmes europeos competirán polo Premio do Público que decidirán os espectadores coas súas votacións, nunha edición na que o Panorama Internacional está dominado polo emerxente cinema latinoamericano e polos grandes mestres do cinema oriental. Poderemos ver aos filmes da temporada de entre as que cómpre destacar do festival de Cannes ‘Son of Saul’, ‘A lagosta’, ‘Mustang’, ‘Mia Madre’, ‘The assasin’ ou ‘Chronic’; do festival de Venecia  o León de Ouro ‘Desde alá’ ademais de ‘Francofonía’, ‘Rabin, the last day’ ou ‘La calle de la Amargura’ do premiado deste ano, Arturo Ripstein. O Oso de Ouro de Berlín, ‘Taxi Teheran’, tamén está na programación que deste festival trae así mesmo ’45 years’, ‘El botón de Nácar’, ‘Victoria’, ‘Ixcanul’, ‘El Club’ e ‘Eiseinstein en Guanajuato’. Poderase ver tamén o Leopardo de Ouro de Locarno, ‘Right Now, Wrong Them’, así como ‘Cosmos’ e ‘La academia de las musas’ que tamén estiveron neste festival. Despois de pasar polo festival de Sitges chegan ‘The Invitation’, ‘The Final Girls’, ‘Demon’ e ‘The Gift’ e de San Sebastián estará a gañadora da Concha de Ouro ‘Sparrows’ ademais de ‘Sunset Songs’.

Nomes propios

Entre os directores europeos cuxa obra se verá este ano destacan Alexandr Sokurov, Nanni Moretti, Terence Davies, Arnaud Desplechin, Robert Guediguian, Matteo Garrone, Peter Greenaway, Joao Nicolau ou Andrezi Zulawski. Do cinema asiático poderemos ver o novo de Naomi Kawase, Hou-Hsiao-Hsien, Jia-Zhang-Ke, Apichapong Wheerasetakull, Kore-Eda ou Hong-Sang-Soo. E a puxanza latinoamericana, ademais da estrea do último de Ripstein e a súa presenza na cidade, estará exposta nas películas de Patricio Guzmán, Pablo Larrain, Michel Franco, Santiago Mitre, Jayro Bustamante e Lorenzo Vigas.

Únense a isto estreas absolutas no Estado de filmes chegados de México, Corea do Sur, Irán, Panamá, Portugal ou Estados Unidos. E teremos tamén cineastas que nos acompañarán presentando as súas películas como José Luis Guerín (premio Cineuropa 2007) e Fernando Colomo que presentarán os seus filmes ‘La academia de las musas’ e ‘Isla Bonita’.

Filmes galegos

Tamén terá unha presenza potente o audiovisual galego, como sucede cada ano. A liña de programación do festival, tan unida ao Novo Cinema Galego desde o seu nacemento reflíctese nesta edición nos novos traballos de Lois Patiño ('Estratos de la imagen'), Xacio Baño, Xurxo Chirro ('Gran hotel'), Jaione Camborda ou Diana Toucedo ('En todas as mans').

Ademais, estrearase o documentario ‘Frankenstein-04155’ sobre o accidente do Alvia ou 'Os días afogados' sobre unha aldea galega asulagada por un encoro. Outras fitas que poderemos ver son as curtas 'O espantallo amigo', un filme de David Seijo sobre Neira Vilas; 'Contrafaces' (Alfonso Vázquez); 'Diario de un corto' (Flavia de la Fuente); 'A liña política' (Santos Díaz), ou 'Unitarias' (Jorge Algora). 

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios