A recadación do Festival Amal, para os refuxiados sirios

Volta o Festival Amal a Compostela con dez filmes que poderemos ver entre os días 26 e 31 de outubro e un anuncio por parte da organización: o diñeiro recadado nas billeteiras irá destinado aos refuxiados sirios.

amal2
photo_camera Presentación do Festival Amal

Durante este festival, o único privado do país, poderanse ver dez filmes -longas e curtas- de ficción e algunhas fitas de estrea como o documentario dos xornalistas galegos da TVG Marga Pazos e Alfonso Caneiro, que estrearán na sesión inaugural 'Colonos e Pombas', unha curta que conta a dramática historia duns nenos palestinos na súa viaxe diaria ao colexio escolgados por militares israelís.

A traxicomedia 'Ghadi', que narra a historia dun mozo do Líbano con necesidades especiais, é outro dos puntos fortes do Festival, xunto con 'Atlántic', gravada con espectaculares imaxes do océano que conta a historia dun mariñeiro marroquino que quere fuxir do seu destino e faino navegando na súa táboa de windsurf.  

E outro gran momento terá lugar no peche da semana cando se proxectará un dos grandes clásicos da sétima artes, 'Lawrence de Arabia', en homenaxe ao recentemente finado Omar shariff. Ademais poderase ver 'Syria Self-Portrait', 'Theeb', 'Azucre aparte', 'Giraffada', 'Os cabalos de Deus' e 'Villa Touma'.

A prol dos refuxiados sirios

A organización do Festival e a Fundación Araguaney-Ponte de Culturas anunciaron que doarán o importe íntegro do recadado na  billeteira ás familias sirias que cheguen a Compsotela. Trátase dunha iniciativa posta en marcha en colaboración co Concello de Santiago.

Por outra banda, Amal e a TVG chegaron a un acordo para emitir un ciclo de cinema árabe nos vindeiros meses na TVG2. Os telespectadores poderán ver 'Rabat' e 'Mascarades', nominada como mellor ópera prima en 2008 nos Premios César.

Máis en Arte imaxe patrimonio
Comentarios